publicidade hoxe

Medio Ambiente adxudica por 190.000 euros as obras das beirarrúas de Cangas de Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), adxudicou hoxe o contrato para continuación das beirarrúas da estrada LU-162, en Cangas de Foz, no concello lucense de Foz.

As obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Isidro Otero, s.l. por preto de 190.000 euros (186.931,71 euros). A actuación complementa á realizada no ano 2013 polo goberno autonómico noutro treito da travesía de Cangas de Foz, na que se investiron algo máis de 212.000 euros.

As tarefas preparatorias e de replanteo dos traballos se realizarán nas vindeiras semanas, unha vez sexa asinado o contrato de obras, o que permitirá o inicio efectivo destas a principios do verán.

Con esta actuación, mellorarase a seguridade viaria da estrada Ferreira de Valadouro – Cangas de Foz (LU-162) ao seu paso por Cangas de Foz ao dotala de beirarrúas polas dúas marxes, nunha lonxitude de 475 metros.

A actuación desenvolverase entre os puntos quilométricos 11+370 e 11+945. Neste punto as novas beirarrúas conectarán coas executadas hai dous anos ata o final da estrada (na intersección coa N-642), que sumaron mais de 500 m de lonxitude. Deste xeito, os veciños contarán con case un quilómetro de beirarrúas continuas polas dúas marxes deste vial.

O proxecto contempla ademais a disposición dunha rede de recollida das pluviais nas dúas marxes da estrada, que se conectarán coa rede existente.

O prazo de execución das obras será de catro meses, polo que as obras estarán finalizadas neste outono.

Outras actuacións da consellería para o fomento da mobilidade peonil e ciclista

O goberno autonómico está actualmente a desenvolver diversos programas cos que se pretende favorecer a sostibilidade ambiental, reducindo a utilización dos vehículos privados, tanto mediante o fomento do transporte colectivo ou público coma coa execución de infraestruturas que favorezan a utilización de formas alternativas de transporte menos contaminantes.

Así, no día de hoxe a Axencia Galega de Infraestruturas adxudicou tamén outra actuación para o fomento da mobilidade peonil no Concello de Ponteceso, para a execución dunha senda peonil entre A Trabe e Anllóns.

A consellería que dirixe Ethel Vázquez aposta por este tipo de actuacións, coas que se facilita a circulación en condicións de maior seguridade para o conxunto dos usuarios e ademais foméntanse comportamentos máis respectuosos co medio ambiente.

21 de maio de 2015 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.