Medio Ambiente adxudica as obras do Plan Renove de estacións de autobuses de Ferrol por máis de 120.000 euros
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, vén de adxudicar as obras de mellora de accesibilidade, instalacións e sistemas de información na Estación de Autobuses de Ferrol, por un importe de máis de 120.000 euros (126.442).
Estes traballos están enmarcados dentro do Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia, cuxo principal obxectivo é engadir valor a estas instalacións de servizo público, ao mesmo tempo que se mellora a calidade que perciben os usuarios ao potenciar aspectos centrados na accesibilidade, na calidade das instalacións e nos sistemas de información.
A empresa adxudicataria foi Extraco, que a vindeira semana asinará o contrato de obra, no que se establece un prazo de execución de dous meses. Para poder comezar as obras é preciso contar coa correspondente licenza municpal.
As actuacións de mellora da accesibilidade consistirán no pintado de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, no pintado de pasos de peóns, instalarase un novo aseo para persoas con dificultades de mobilidade na planta de servizos da estacións, a zona de acceso ao ascensor e as dársenas dotaranse de pavimento antideslizante, así como de ramplas metálicas de acceso nas dársenas e, por último, colocaranse bancos e elementos de apoio nesta mesma zona.
En relación coa melloras das instalacións, procederase a substituír a varanda exterior na zona do aparcamento, na execución dunha baixante nas entradas á cafetería e á estación, a reparación das manchas de humidade dos paramentos verticais no interior, impermeabilización da cuberta do edificio da estación. Tamén se desenvolverán reparacións menores en aseos e reparacións puntuais do pavimento de baldosa hidráulica na planta de dársenas, así como a reposición de luminarias de emerxencia. Por último, tamén se colocará un panel electrónico para informar dos horarios de saídas e chegadas, así como carteis indicativos.











