Mato destaca o papel de emprendedores e autónomos como motor económico de Galicia

Beatriz Mato nos premios Onda Emprende
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, eloxiou hoxe o papel “fundamental e imprescindible” de emprendedores e autónomos como “motor económico” de Galicia.
Así o destacou hoxe durante a súa participación no acto de entrega dos premios Onda Emprende 2015 que, segundo considerou, “axudan a dotar ao emprendemento do recoñecemento social e relevancia que merecen”.
Mato valorou que as tres empresas premiadas reúnen características “esenciais e diferenciais” para o futuro de Galicia: innovación, excelencia, e o máximo aproveitamento das novas tecnoloxías.
En Galicia hai actualmente máis de 225.000 traballadores por conta propia, o que representa preto do 25 por cento do total de afiliados á Seguridade Social na comunidade. Isto sitúa a Galicia como a autonomía na que os emprendedores e autónomos ocupan a maior porcentaxe dentro do conxunto da afiliación, máis de sete puntos por riba da media estatal.
Por iso, para continuar apoiando a este colectivo e tamén aos novos emprendedores, o Goberno galego está traballando de xeito transversal coordinado para ofrecer un “apoio integral” desde a administración autonómica.
Así, entre outros avances, tense desenvolvido a primeira Lei do Emprendemento de Galicia, que pretende facilitar solucións, a través de medidas como a eliminación de licencias municipais de obra e actividade.
Ademais, a Consellería de Traballo e Benestar blindou o orzamento destinado a autónomos e cooperativas en 2015, con 27 millóns de euros. Grazas a este compromiso anual, desde 2009 tense subvencionado a máis de 20.000 autónomos. Dentro desta liña de actuación, o ano pasado convocouse por primeira vez unha orde específica para mozos e mozas autónomos, enmarcada no Plan de Emprego Xuvenil para menores de 30 anos. A súa principal novidade é unha axuda directa de 1.200 euros que, sumada á tarifa plana estatal de 50 euros, garante que os mozos e mozas que se dean de alta como autónomos teñan totalmente subvencionada a Seguridade Social durante o primeiro ano.
En definitiva, concluíu Mato, “o noso apoio aos emprendedores foi, é e será o máximo, porque eles son a base do crecemento sostible”.











