Mato aposta por poñer en valor a experiencia empresarial e vital dos maiores na clausura do Fórum Leadership

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Intervención de Beatriz Mato

Intervención de Beatriz Mato

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, apostou hoxe por poñer en valor a experiencia dos maiores galegos, tanto a nivel empresarial como vital, en tanto constitúe un valor “imprescindible para que o futuro que estamos construíndo sexa positivo, solidario e duradeiro”.

Así o destacou na Coruña, durante a clausura do Fórum Leadership Sénior, unha xornada novidosa que completa a oferta do IV Encontro para o desenvolvemento do liderado e a creatividade que es está desenvolvendo estes días na cidade.

Durante a súa intervención, a titular do departamento autonómico considerou que “non podemos permitirnos desaproveitar ou perder o talento, o coñecemento e a experiencia” dos maiores. Ao contrario, proseguiu, “o importante é que se compartan cos máis mozos e mozas, un aspecto para o que son fundamentais as relacións interxeracionais”.

Nesta liña de actuación, Mato apuntou que se está desenvolvendo un programa novidoso en colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia: o Círculo de Valor Sénior. Esta iniciativa pretende que a experiencia empresarial acumulada polos maiores de 55 anos axude aos mozos emprendedores, a través de asesoramento e acompañamento.

Outra iniciativa pioneira na materia é o programa “Vida activa tras a xubilación”, no que tamén participa a Consellería. Consiste nunha serie de charlas con persoas xubiladas nas que se expoñen as numerosas posibilidades que teñen longo de deixar de traballar, e nas que se lles facilitan os contactos coas asociacións que levan a cabo estas actividades.

Neste mesmo marco de participación e de envellecemento activo, cabe salientar outras actuacións como o voluntariado sénior que mellora a vida comunitaria, ao tempo que os participantes incrementan a súa propia calidade de vida. Segundo os expertos, o voluntariado para maiores presenta beneficios para a saúde física, mental e na propia autopercepción.

A maiores, tamén existe unha ampla oferta de educación permanente a través de programas como o a Universidade Sénior ou as Aulas da Terceira Idade; e unha rede de 44 centros sociocomunitarios por toda Galicia no que se organizan actividades para promover a autonomía persoal, o ocio ou as habilidades sociais.

En definitiva, concluíu Mato, “debemos manter o noso compromiso co papel activo e participativo das persoas maiores de Galicia, seguir fomentando a solidariedade interxeracional, e desterrando os tópicos que se asocian aos maiores”.

7 de maio de 2015 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.