Marta Riera fala no Museo de Pontevedra sobre a ilustración da moda en España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A profesora viguesa Marta Riera, nunha charla organizada polo Museo de Pontevedra, repasará o papel da ilustración como vehículo de transmisión de tendencias e propostas no campo da moda en España, eixe central do seu libro 200 años de ilustración de moda en España, unha publicación de referencia que analiza a ilustración de moda no noso país a través da súa vertente histórica e artística.

A conferencia “Ilustración de moda en España: unha aproximación ó xénero” terá lugar este xoves 21 de maio, ás 20:00 horas, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

200 años de ilustración de moda en España

A obra inclúe preto de 240 ilustracións, desde gravados do século XVI ata ilustracións contemporáneas. O peso visual resulta fundamental, de forma que se poderá percorrer a historia da disciplina nunha rápida ollada.

200 años de ilustración de moda en España comeza analizando a orixe das primeiras representacións do traxe, fundamentalmente a través das coleccións e da prensa ilustrada costumista, para posteriormente estudar os gravados de moda das primeiras revistas femininas.

Tamén se fai unha análise en profundidade do Art Decó como a primeira gran colaboración entre arte, moda e ilustración que dá paso á idade de ouro da ilustración cunha impresionante lista de artistas que atopan na prensa o seu ámbito de creación.

A decadencia do debuxo a favor da fotografía na década dos 50 do século XX, o leve espertar dos 80 e a situación actual da disciplina en España tamén se estudan nesta publicación, que toma como punto de partida as ilustracións máis recentes que atopamos na prensa gráfica, na publicidade, na beleza ou decoración, así como a través das novas canles de comunicación e das entrevistas realizadas a creadores xa consolidados profesionalmente.

19 de maio de 2015 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.