publicidade hoxe

Marín acolle esta fin de semana o Campionato de España de Ximnasia Acrobática

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaMarín
A-
A+
Presentación do evento ximnástico

Presentación do evento ximnástico

Na mañá deste martes día 12 de maio, tivo lugar a presentación oficial do Campionato de España de Ximnasia Acrobática 2015 que se vai a celebrar en Marín os próximos días 14-15-16 de maio no Pavillón da Raña. Ao acto asistiron o Concelleiro de Deportes do Concello de Marín (Antonio Traba), o presidente da Federación Galega de Ximnasia (José Manuel Estévez), o Seleccionador Nacional de Ximnasia Acrobática (Pablo Hinojar) e o Presidente do Club In Mare de Marín (Francesc Casanova), club protagonista na organización do evento.

Tal e como se anunciou días atrás, a Federación Española de Ximnasia decidiu apostar novamente pola nosa localidade como sede dun evento, esta vez, de primeiro nivel, tras o éxito organizativo da Copa de España de Ximnasia Acrobática celebrada no mes de febreiro. Así o agradeceu o concelleiro de deportes directamente ao Presidente da Federación Galega de Ximnasia, quen á súa vez prometeu volver con novos eventos se así o solicitabamos.

Tras os detalles técnicos comentados polo seleccionador nacional, tomou a palabra o presidente do club In Mare, quen ademais de agradecer a inestimable achega de Concello e Federación, non quixo esquecerse dos verdadeiros protagonistas: pais e nais “amateurs” do club que afrontan cada evento co maior dos agarimos e responsabilidades posibles.

A competición terá o seguinte planning:

XOVES:

16.00 a 20.00 Adestramentos oficiais clubs galegos

VENRES:

09.00 a 14.00 Adestramentos oficiais clubs non galegos.

16.00 a 20.00 Competición oficial

SÁBADO:

09.00 a 20.00 Competición Oficial

Un total de 10 clubs (4 galegos, 3 andaluces, 2 valencianos e 1 madrileño), 263 ximnastas, 21 técnicos, 7 xuíces e 5 delegados, serán os protagonistas do campionato. O club de Granada, Acróbatos, será o club con máis participantes (aproximadamente 80)

Desde a organización non queremos esquecernos da colaboración de empresas privadas como Gadis e Refrescos do Atlántico, empresas que fornecen a auga e a froita de toda a competición.

Durante tres días, Marín respirará ximnasia acrobática. Unha boa oportunidade para vivir o deporte na Raña.

12 de maio de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.