Máis de 60 familias benefícianse actualmente do programa de becas para a escolarización na rede de escolas infantís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, fixo hoxe balance das familias beneficiarias do programa de becas para a escolarización nas escolas infantís do municipio. Actualmente, un total de 66 menores de 0 a 3 anos pertencentes a familias empadroadas no termo municipal teñen concedida esta beca para escolas infantís, cifra que pode aumentar xa que nestes momentos hai 10 solicitudes que están en proceso de resolución por parte dos técnicos municipais.

Estos 66 nenos/as de 0 a 3 anos que hoxe son beneficiarios deste programa posto en marcha neste mandato polo Goberno Municipal de Jose Manuel Rey Varela, supón un incremento de case un 30% de nenos/as becados con respecto á pasada anualidade, que foron 48 os menores entre 0 e 2 anos beneficiarios desta prestación municipal. Este programa de becas comezou en 2013 con un total de 10 familias beneficiarias, e nos seus inicios estaba dirixido a pais con menores de 0 a 1 ano. Nos seguintes exercicios, este programa de Benestar foise incrementando até cubrir na actualidade toda a franxa de idade de 0 a 3 anos.

Ademais, o Goberno Municipal de Ferrol mantén aberto durante todo o ano o prazo de solicitude de becas para a escolarización nas escolas infantís do municipio, dirixidas a pais e nais con nenos/as con idades comprendidas entre 0 e 3 anos. Estas axudas para a escolarización de menores na rede de escolas infantís, tanto públicas como concertadas da cidade, poden ser solicitadas ao longo de todo o ano e teñen carácter retroactivo. Isto quere dicir, que estas teñen validez dende o momento en que o neno está matriculado con independencia de cando sexan solicitadas. Este programa de axudas permite a conciliación da vida familiar e laboral, e pretende fixar poboación na cidade garantindo que todas as familias que o soliciten e cumprar os requisitos sexan beneficiarios desta bolsa.

A Concellería de Benestar Social impulsou esta nova prestación pública para a infancia en 2013, e ano tras ano se incorporaron melloras ás bases reguladoras para dar cobertura a un maior número de familias ferroláns. Unha das melloras incluídas no documento regulador da presente anualidade é o incremento da franxa de idade. Así, o rango de idade viuse ampliado progresivamente e neste exercicio de 2015 poden ser beneficiarios destas bolsas para escolas infantís as familias con nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e 1 ano, 1 e 2 anos, e 2 e 3 anos.

Especial atención ás familias numerosas

Outra das medidas incorporadas a este programa de axudas permite unha especial atención ás familias numerosas e aos partos múltiples. Neste senso, o Executivo local de Rey Varela incrementou as contías económicas a percibir polos beneficiarios, segundo o número de fillos matriculados no centro escolar, e incorporou os casos de partos múltiples a estas becas para a escolarización nas escolas infantís do municipio.

Máis concretamente, as unidades familiares beneficiarias perciben un total de 50 euros mensuais polo primeiro menor, 60 euros no caso de ter un segundo fillo/a matriculado no centro, e 70 euros por un terceiro. No que atinxe aos partos múltiples, a axuda é de 60 euros por menor.

15 de maio de 2015 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.