Máis de 200 nadadoras participarán este sábado no X Trofeo Deputación de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+
Presentación do Trofeo Deputación

Presentación do Trofeo Deputación

240 nadadoras daranse cita o próximo sábado 16 de maio en Pontevedra para participar no X Trofeo Deputación de Pontevedra de Natación Sincronizada. Así o anunciaron esta mañá en rolda de prensa a deputada provincial Ana Isabel Vázquez, a presidenta do Club Natación Sincronizada Pontevedra, Teresa Pérez, e o oficial de Deportes da Escola Naval de Marín, Álvaro Goñi.

O campionato, despois de dous anos, volve á súa sede habitual, a Escola Naval de Marín, na que xa remataron as obras de mellora que se estaban a realizar nas instalacións.

A deputada Ana Isabel Vázquez destacou que o obxectivo deste trofeo é “promover e difundir esta modalidade deportiva” e animou a gozar “deste espectáculo visual e artístico”.

Segundo manifestou a presidenta do Club Natación Sincronizada Pontevedra, Teresa Pérez, a proba disputarase nas categorías de rutinas de equipo e combinadas de base I, II, III, e IV; servirá ademais como preliminar para os campionatos galegos que se van celebrar o vindeiro mes de xuño. Así mesmo, agradeceu o apoio da Deputación e a Escola Naval de Marín que, a través do seu oficial de Deportes, Álvaro Goñi, manifestou a súa satisfacción “por poder colaborar deste xeito no fomento da práctica deportiva e colaborar coas institucións e entidades civís neste tipo de eventos, cedendo as súas instalacións”.

En total serán oito os clubs galegos que participarán no X Trofeo Deputación de Pontevedra: catro da provincia da Coruña (Club Sincro Coruña, Club Sincro Aguamarina, Club Sincro Obradoiro e Club Acuatic Oleiros), dous de Vigo (Club Sincro Rías Baixas-Vigo e Real Club Naútico de Vigo) e outros dous de Pontevedra (Club Galaico Sincro e Club Natación Sincro Pontevedra).

A competición terá lugar o sábado 16 nunha sesión dobre de mañá e de tarde. Ás 12:15 horas comezará a competición de rutinas de equipos en estilo libre I e II, e de combos base I, II e III. Pola tarde, a partir das 17:30 horas, a competición centrarase nas rutinas de equipo e combo na categoría de base IV.

Ó finalizar cada unha das sesións entregaranse as medallas e trofeos para as tres primeiras clasificadas en cada unha das categorías.

O aforo será limitado.

12 de maio de 2015 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.