Luis Emilio Batallán celebra 40 anos de “Ahí ven o maio” en Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLugo
A-
A+

Luis Emilio Batallán cumpre corenta maios desde que sacou o seu primeiro disco: “Ahí ven o maio”. Ese que o lanzou á fama a mediados da década dos 70´ e que o converteu no disco máis vendido de todos os tempos. Médico de profesión durante moitos anos, agora, Batallán céntrase ao 100% na música.

O venres 15 de maio ás 20.30h, o Auditorio Afundación de Lugo vestirase de gala para recibir a Luis Emilio, alcumado por D. Álvaro Cunqueiro como Lord Batallán. Luis Emilio chega a este concerto co seu novo disco debaixo do brazo e disposto a ofrecer unha homenaxe ao seu primeiro elepé, convertido en lenda. O santiagués está con moitísima ilusión de facer vibrar aos lucenses coa súa música. “Lugo é unha cidade que inspira beleza polos catros custados, unha cidade da que é imposible non estar namorado” afirma Batallán.

Batallán estivo presente nos escenarios durante catro décadas de música con álbums recoñecidos como “Ballet da nena”, “Eres un fármaco” e en 2007, “Tu retrato”. . Luis Emilio é coñecido polo público pola súa habilidade ao musicalizar poemas de grandes referentes da literatura galega como Rosalía de Castro (no seu novo disco incorpora o tema “Adiós ríos, adiós fontes” con Pablo Milanés), Celso Emilio Ferreiro (o tan famoso tema “Agardarei”) ou Álvaro Cunqueiro (un dos seus grandes éxitos “Quen puidera namorala” baseado no poema “No niño no voo do vento”) entre outros. O intérprete presentará cancións do seu novo disco “Había que chegar”, un traballo máis íntimo, máis coidado e máis persoal no que introduce ritmos jazz e blues. Gravado e editado en Estados Unidos, Cuba, Suíza e España e distribuído por Editorial Galaxia, este cantautor continúa ofrecendo concertos tras actuar en Santiago de Compostela, Forcarei, Lalín, Moaña, Celanova, San Vicente do Mar, Caldas de Reis, A Coruña, Ourense e agora en Lugo. O vindeiro domingo 17, celebrará o Día das Letras Galegas en Cambados con outro concerto. Actualmente, prepara novo disco en castelán, no que conta coas colaboracións de grandes da música como Joan Manuel Serrat ou Joaquín Sabina.

13 de maio de 2015 | 10:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.