Lete Lasa destaca a necesidade de afondar na promoción da actividade física e deportiva como ferramenta de saúde e calidade de vida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+

Lete Lasa inaugurou hoxe o XI Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e a Educación Física. Seminario internacional de nutrición, medicina e rendemento deportivo na cidade de Pontevedra, coa conferencia “Exercicio físico, saúde e calidade de vida”. Durante a súa intervención, o secretario xeral para o Deporte recordou como os últimos estudos científicos realizados a nivel nacional e internacional, defenden a necesidade de potenciar o deporte e a actividade física na loita contra o sedentarismo e a obesidade, que lastran as sociedades modernas.

Neste obxectivo, Lete Lasa participou aos asistentes sobre o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física, Galicia Saudable, posto en marcha en decembro de 2011 logo da súa aprobación polo Parlamento galego. “Galicia Saudable, é unha intervención integral e interdepartamental que recolle as distintas iniciativas existentes no ámbito da promoción dunha vida máis activa, e conta xa cunha rede de máis de 500 actores”, expuxo Lete Lasa.

No curso da conferencia, o responsable de deportes da Xunta de Galicia fixo especial fincapé nas ferramentas do Plan (Galicia Activa, a plataforma de datos de actividade física saudable –DAFIS-, ou a tamén plataforma de eventos), así como das actuacións que se están a realizar nos centros educativos da Comunidade Autónoma: “se pretendemos xerar cambios de conduta, acadar vidas máis deportivas e activas, debemos asegurarnos de traballar en fomentar hábitos de vida activa nos escolares”, asegurou José Ramón Lete.

Tamén durante a súa intervención, Lete Lasa recordou a Enquisa sobre Hábitos de Actividade Física e Deportiva da Poboación Galega, elaborada o pasado ano pola Universidade de Santiago de Compostela. Segundo a mesma, e entre outros extremos, 7 de cada 10 galegos maiores de 18 anos practica exercicio habitualmente, unha porcentaxe case 16 puntos superior ao nivel de práctica rexistrado en 2007, ano en que se fixera un estudo de equivalentes características. “Son datos bos, pero hai que seguir traballando. Un traballo conxunto e coordinado para acadar que cada vez mais galegos e galegas atopen na actividade física e deportiva unha fórmula para mellorar ás súas vidas”, apuntou o secretario xeral.

XI Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e a Educación Física. Seminario internacional de nutrición, medicina e rendemento deportivo

O Congreso Internacional, que este ano celebra a súa 11 edición, congrega anualmente numerosos profesionais do Deporte e da Educación Física, incorporando conferencias e cursos de especialización en áreas temáticas como a saúde e a hixiene, o ocio e o tempo libre, a didáctica do deporte e da actividade física, o rendemento deportivo, a xestión, organización e lexislación deportiva, e as ciencias sociais, a antropoloxía, a socioloxía e a psicoloxía do deporte.

Ao congreso acoden estudantes, investigadores, profesionais e profesores vinculados ás Ciencias do Deporte, e contará entre os seus conferenciantes con expertos nas distintas áreas temáticas que darán a coñecer o estado actual das súas respectivas áreas académicas.

7 de maio de 2015 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.