La Rosaleda organiza unha conferencia sobre intelixencia emocional
A directora da Escola Infantil Camilo José Cela, do Hospital Clínico de Santiago, Ruth Gómez Vázquez, participará o martes 12 de maio no ciclo Aula Aberta da Fundación La Rosaleda. A profesora, doutora en Pedagoxía Terapéutica, impartirá unha conferencia titulada “Traballando coa intelixencia emocional” no salón Oliveira do Hotel Araguaney ás 20.00 h; a entrada será libre até completar aforamento.
La Rosaleda retoma este ciclo destinado a dar a coñecer a diversas personalidades do ámbito sociopolítico, económico e cultural do país. Nesta ocasión optouse por un aspecto relacionado coa educación por ser un dos ámbitos de debate actuais e elixiuse a unha educadora que, ademais de contar cunha dilatada experiencia, desenvolveu a súa actividade na complexa contorna dunha escola hospitalaria como é a Camilo José Cela do CHUS.
A profesora estará acompañada na súa exposición por Alberto Pose Méndez, licenciado en Pedagoxía e Psicopedagoxía e discípulo de Ruth Gómez, quen destaca del a súa “vocación” e o “gran traballo” que está a desenvolver no campo da educación emocional con nenos con trastornos de aprendizaxe e conduta. Ambos desenvolverán este tema e o recente concepto da neuroeducación, xurdido como resultado dos grandes avances científicos dos últimos anos. Os conferenciantes serán presentados polo director-xerente dos Centros Sanitarios La Rosaleda, Rafael Silva.
Aula Aberta da Rosaleda
A conferencia enmárcase no ciclo Aula Aberta da Fundación La Rosaleda, destinado a dar a coñecer temas de actualidade desde unha perspectiva profesional. Para iso contou relatores da talla do magnate mexicano Olegario Vázquez Raña, do conselleiro secretario xeral do grupo Inditex, Antonio Abril; do presidente do Banco Popular, Ángel Ron; do director de ABC, Bieito Rubido; do ex-futbolista e Balón de Ouro, Luis Suárez, ou do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.











