José Roselló presenta no Museo de Pontevedra o libro “El lenguaje de la imagen gráfica”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Editado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra, “El lenguaje de la imagen gráfica” divídese en dúas partes que tentan achegarnos ós conceptos de debuxo e deseño, así como resaltar a importancia da comunicación visual. Desde a premisa de que a facultade de debuxar e a linguaxe da imaxe son inherentes á condición humana, José Roselló desenvolve a súa teoría sobre a autoexpresión gráfica como medio de comunicación e destaca a importancia do respecto e o estímulo da creatividade persoal. Unha teoría da que proporcionará máis detalles o mércores, na presentación do libro que terá lugar no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

O Debuxo no ensino

O libro avalía a situación actual do Debuxo no ensino; defínense e analízanse, desde un punto de vista histórico, diversos conceptos (linguaxe gráfico-plástica, deseño, arte ou mensaxe) e define o concepto de debuxo.

Na obra tamén se describen todos os elementos que interveñen na imaxe gráfica; todo isto acompañado de numerosas imaxes de diferentes obras de arte que exemplifican a teoría exposta.

José Roselló Valle

Doutor en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid e catedrático de Debuxo da Universidade de Vigo, José Roselló Valle dedicou a súa vida ó ensino. Durante cincuenta anos exerceu como profesor en numerosos centros educativos de toda España: a Escola Superior de Belas Artes de Valencia, o Colexio Inmaculada e os Institutos Técnico e Nacional de Bacharelato de Marín, o Instituto Nacional de Bacharelato Sánchez Cantón ou a propia Facultade de Belas Artes de Pontevedra, na que desempeñou ademais diversos cargos no Decanato.

11 de maio de 2015 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.