Jacobo Santana gana a primeira carreira do Open de España de Enduro disputada en Tui

Podio do Open de España de Enduro en BTT
Big Ride Eurocidade, a primeira carreira do Open de España de enduro BTT finalizou este domingo coa proclamación do corredor Jacobo Santana como gañador. O alacantino fíxose co primeiro posto na xeral tras lograr facer o mellor tempo na xornada de hoxe. “É unha vitoria totalmente inesperada. Cumprín un soño, poder gañar unha proba do Open de España”, comentaba Jacobo tras subirse ao pódium.
Preto de 200 corredores volvían tomar a saída esta mañá na Macoca, na subida ao Monte Aloia, para dirixirse cara ao cume da montaña para practicar os catro tramos cronometrados da xornada de hoxe. O vigués Tony Pérez, segundo na xeral provisional tras a carreira de onte, sufriu un rebentón nunha roda na primeira das especiais que lle deixou practicamente fóra de carreira. “Tiven un rebentón en metade do primeiro tramo, que me fixo perder varios minutos, aínda que o resto de tempos foron moi bos. A nivel persoal atópome contento porque viña pensando en como afrontar a carreira tras a miña lesión. Agora vou tentar pelexar no resto de probas do Open pero tras esta carreira de casa os rivais salen xa por diante de min, e non será fácil”, aseguraba Tony.
A clasificación xeral quedou liderada por Jacobo Santana, seguido do portugués José Borges, e en terceiro lugar o galego Roberto Rodríguez, compoñente do Club do Mar de Mugardos.
En total, foron 64,5 quilómetros de carreira, divididos en dúas xornadas de competición, o sábado e domingo. Tres tramos cronometrados o sábado, no Monte Faro portugués e no Monte Alola, e catro especiais o domingo na mesma montaña tudense. A carreira estivo condicionada todo o fin de semana polas condicións meteorolóxicas que impregnaron de dureza ao desenvolvemento da proba. Os tramos cronometrados atopábanse completamente embarrados e nos de enlace a choiva provocaba que o pedaleo fose máis complicado se cabe.
Ese mal tempo que provocou que algúns tramos estivesen intratables, foi o mesmo que fixo que os corredores gozasen das características propias da montaña atlántica. Moitos deportistas chegados desde diferentes puntos de España, e mesmo de Inglaterra e Portugal, aseguraban que era a primeira vez que pedaleaban nun monte con estas características e que a experiencia fora incrible. A carreira foi todo un reto para os deportistas, que tiveron que afrontar unha proba de superación persoal, tanto polas condicións do terreo como pola novidade das dúas xornadas de competición, que nunca se fixeron ata agora. A deportividade e o bo ambiente entre os corredores foi a tónica xeral dos días de carreira.
Na cerimonia de entrega de premios, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, valoraba positivamente a celebración dunha competición destas características na localidade fronteiriza: “É indubidable o efecto turístico que ten o deporte. Os corredores puideron gozar da paisaxe, coñecer o noso patrimonio, e achegarse aínda máis á Eurocidade e ao Monte Aloia, unha paraxe perfecta para a practica deste e outros deportes”.
Agora a organización xa traballa na que será a segunda proba deste Open de España de enduro, os días 6 e 7 de xuño na localidade malagueña de Ojén. Será en plena montaña mediterránea, onde as condicións do terreo e a climatoloxía serán completamente diferentes ao que deu de si esta primeira carreira na Eurocidade Tui – Valença do Minho.











