Iván Alonso e David Mosquera foron os gañadores individuais do Campionato de España de maratón

Iván Alonso
Iván Alonso en K-1 e David Mosquera, en C-1, foron os gañadores individuais do Campionato de España de maratón. O primeiro deles impúxose na mesma liña de chegada ao seu compañeiro en K-2 Emilio Merchán. O compoñente da Náutico Ría de Betanzos gañou na modalidade de canoa con autoridade. Manuel Garrido foi segundo. A competición continuará este domingo coas regatas de barcos dobres.
A espectacularidade foi a principal característica na modalidade de K-1. Desde a primeira volta formouse un grupo no que estaban Iván Alonso, Emilio Merchán, Xabier Ruiz e Rafael Carril. Transitaron xuntos durante boa parte dos 30 quilómetros da regata. A igualdade quedaba posta de manifesto na loita durante os sete porteos que deberon realizar. Todos eles buscaban o mínimo detalle para superar ao seu adversario.
Controlaron a carreira ata que na última volta rompeu o grupo. O primeiro en quedar foi Rafael Carrio, do Oviedo Kaiak, que non foi capaz de superar o ritmo dos seus adversarios. Pouco despois cedeu Xabier Ruiz, do Donostia Kaiak.
Todo quedou pendente da última volta, máis pequena que as anteriores. Iván Alonso, do Kaiak Tudense, e Emilio Merchán, da Canoa Kaiak Zamora, xogárono entre eles. A igualdade foi máxima ata os último metros. O tudense impúxose no instante final. Ambos foron os destacados protagonistas nunha xornada histórica.
No C-1, David Mosquera, da Ría de Betanzos, impúxose con autoridade. Non tivo moitas dúbidas e tivo tempo de relaxarse no último terzo da regata. Manuel Garrido, do Kaiak Tudense, foi segundo, pero bastante afastado do gañador. Diego Suárez, do Ribadesella, foi terceiro.
A igualdade nesta categoría só durou ata o primeiro porteo, dos seis que debían superar os padexeiros. Foi cando Manuel Garrido comezou a padecer problemas. Realizou un mal porteo e máis tarde o seu barco deulle dificultades.
Por tanto, Iván Alonso e David Alonso xa teñen unha praza para o próximo Campionato do Mundo. Manuel Garrido ten dereito a estar no Campionato de Europa.
O Campionato de España de maratón continuará coas regatas dos barcos dobres. Ás nove iniciaranse coa categoría junior. Tanto os kayakistas como os canoistas competirán a partir das 11:30 horas.
As probas celébranse no río Lérez e contan cun gran atractivo. Pódese ver case a totalidade do circuíto. A xornada do sábado rexistrou unha gran afluencia de espectadores.











