Inaugúrase na Laracha a exposición “O patrimonio marítimo de Galicia”
O Concello da Laracha, coa colaboración do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), abrirá mañá a exposición titulada O patrimonio marítimo de Galicia no edificio de servizos múltiples da capital municipal.
A mostra, que foi producida pola Federación Galega pola Cultura Mariña e Fluvial, consta de trece paneis e material informativo nos que se fai un percorrido polas actividades, oficios e modos de vida vencellados ao mar que se desenvolveron ao longo dos tempos no litoral galego.
En O patrimonio marítimo de Galicia os protagonistas son os barcos, os portos, os edificios creados para transformar o peixe, os aparellos de traballo, as técnicas singulares de pesca e, por suposto, as xentes do mar.
Esta exposición poderase visitar gratuitamente ata o 31 de maio. Os martes abrirá en horario vespertino (de 15:30 a 20:00 horas) e de mércores a domingo, tanto pola mañá (de 11:00 a 13:00 horas) como pola tarde (de 15:30 a 20:00 horas).











