Imputan ao presunto autor dun incendio forestal imprudente en Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOrdesSucesos
A-
A+

Axentes da Policía Autonómica de Santiago veñen de informar da imputación do presunto autor dun incendio forestal imprudente no Concello de Ordes, na Coruña. A imputación levouse a cabo grazas á permanente colaboración que os axentes autonómicos manteñen coas Brigadas de Investigación sobre Incendios Forestais (BIIF), cuxo persoal depende da Consellería do Medio Rural e do Mar.

O lume tivo lugar o pasado 21 de maio na parroquia de Ardemil e resultaron afectados 6.000 metros cadrados de monte arborado. A orixe do incendio foi a realización dunha queima de restos agrícolas na que non se respectaron as medidas de seguridade perceptivas.

Para a extinción do incendio foi necesaria a intervención do persoal de extinción de incendios da Xunta de Galicia. As dilixencias entregáronse no Xulgado de garda de Ordes.

Na actual campaña antiincendios forestais, xa son 17 as persoas imputadas pola Policía da Xunta de Galicia como presuntas autoras de lumes nos montes galegos.

28 de maio de 2015 | 16:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.