“Imos de excursión” programa unha visita a Cortegada e Cambados
A Concellería de Cultura continúa co calendario de actividades dos centros socioculturais. Desta vez, no marco do programa Imos de excursión 2015, organízase unha visita á illa atlántica de Cortegada e a Cambados o domingo 14 de xuño. Esta viaxe permitirá coñecer parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, en concreto a illa de Cortegada, afondando nos seus ecosistemas, flora e fauna, historia e lendas. Os excursionistas embarcarán no porto de Carril en pequenos grupos para trasladarse á Illa. Alí coñecerán, da man dun guía, as rutas dos sendeiros acondicionados, visitando o maior bosque de loureiros do Sur de Europa e coñecendo ademais a súa historia, as orixes da aldea, a súa posterior doazón ao rei Alfonso XIII e a súa actual recuperación para dominio público.
Ao mediodía finalizarase a actividade cun xantar que cadaquén debe levar da casa xunto coa bebida, posto que na Illa non hai establecementos de restauración.
Pola tarde realizarase unha visita á vila histórica de Cambados, moi recoñecida polo seu conxunto histórico, que foi declarado Ben de Interese Cultural. É un dos mellor restaurados de Galicia. O patrimonio cambadés loce pazos e casas nobres, esculturas deseñadas por grandes artistas e pezas de arte popular e prazas e rúas empedradas.
Os interesados en participar poden inscribirse a partir das 17:00 horas deste martes 19 de maio nos centros socioculturais. O prezo da excursión é de 25 euros por persoa.
Polas características da actividade, esta podería ser aprazada en caso de mal tempo. Os horarios de visita da Illa poden sufrir variacións en función das mareas.











