Gonzalo Martínez, Tirso Cerqueira e Jaime Arangüena gañan en clase Laser 4.7, Radial e optimist Escola respectivamente
Organizado polo Real Club Náutico da Coruña, o pasado fin de semana celebrouse o TROFEO GRILLETE – CLASIFICATORIA Clase Laser, VIII TROFEO C.O.R.A. Clase Optimist Escola, que congregou aos mellores regatistas galegos en augas coruñesas.
Na xornada do sábado cumpríronse as previsións meteorolóxicas, e puidéronse completar as 3 probas programadas en todas as categorías. A primeira celebrouse con vento frouxo do nordeste, pero nas dúas seguintes o vento rolou ao norte e aumentou, establecéndose en 20 nós de intensidade. En clase Laser 4.7, as tres probas foron un man a man entre Gonzalo Martinez do CM Canido e Roberto Bermúdez de Castro do RCN Coruña, que se repartiron as vitorias parciais. En clase Laser Radial, ocorría o mesmo cos dous representantes do CM Canido, Alberto Basadre e Tirso Cerqueira, que loitaban polo liderado provisional.
Na xornada do domingo, magníficas condicións para navegar axudaron a completar as tres probas programadas. En clase 4.7, tras unha dura loita, o vencedor sería Gonzalo Martínez do CM Canido con 6 puntos, por diante do Roberto Bermúdez do RCN Coruña con 9, e en terceira posición Juan Maciñeira do RCN Coruña. En clase Radial, o vencedor foi Tirso Cerqueira por diante de Alberto Basadre, ambos os do CM Canido. En categoría Standard o vencedor foi Ricardo Masián do CM Oza.
En clase Optimist Escola, o vencedor foi Jaime Arangüena, 2ª clasificada Branca Rilo, e 3ª clasificada Carlota Cegarra, todos eles do RCN Coruña.
Ao finalizar as probas do domingo celebrouse a entrega de Trofeos aos vencedores de mans de Germán Suárez-Pumariega, Presidente do RCN Coruña.











