Galicia logra dez medallas na categoría sénior en Verducido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+
Podio C2 500 mts.

Podio C2 500 mts.

Galicia conquistou dez medallas na categoría sénior durante a segunda xornada da Copa de España que se disputou en Verducido e o Kaiak Tudense terminou na terceira posición da clasificación por equipos na que se impuxo o Náutico de Sevilla. Catro de ouro, outras tantas de prata e dúas de bronce foi a colleita de preseas na modalidade de barcos dobres, tanto na distancia de 500 como de 200 metros. Roi Rodríguez e Adrián Sieiro, que lograron o sábado a súa clasificación para o Mundial, volveron ser os protagonistas.

Adrián Sieiro e Sergio Vallejo, ambos do Poio Pescamar, lograron o triunfo en C-2 500 metros, nunha proba onde os galegos tiveron un gran protagonismo. José Luís Bouza e Brais Casas, do Kaiak Tudense, foron segundos, mentres José Manuel Sánchez e Miguel López, da Ría de Betanzos, ocuparon o terceiro lugar. Na liña de saída desta modalidade presentáronse sete embarcacións galegas.

En K-2 500 metros foi o Kaiak Tudense o que exerceu o dominio. Fíxoo co triunfo de Gabriel Pavón e Rubén Millán que superaron a Roi Rodríguez e Víctor Rodríguez. Os dous barcos tudenses tiveron que empregarse a fondo para derrotar á embarcación de Banyoles. Entre os tres só existiu unha diferenza inferior a un segundo.

En K-2 200 metros, Carlos Arévalo e David Vilariño, da Ría de Betanzos, foron segundos, mentres na canoa volveu quedar posto de manifesto o bo momento do piragüismo galego. Daniel Durán e Sergio Vallejo, do Poio, foron segundos en C-2 200 metros, mentres Adrián Edreira e Francisco Vales, da Ría de Betanzos, foron terceiros.

Jenifer Casal e Raquel Rodríguez, da Cidade de Pontevedra, lograron o triunfo tanto en C-2 200 metros como na distancia de 500 metros.

O Kaiak Tudense, que loita por conquistar a liga Hernando Calleja de Pista, foi terceiro na clasificación por equipos. O Náutico de Sevilla gañou a Copa de España por diante do Aranxuez. O Poio Pescamar foi quinto a Cidade de Pontevedra sexto e o Betanzos terminou sétimo.

31 de maio de 2015 | 20:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.