Gabino Diego, Antonio Hortelano e Antonio Garrido presentan no ciclo Teatro 2015 a comedia “Nuestras mujeres”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

Gabino Diego, Antonio Hortelano e Antonio Garrido chegan este mércores a Compostela para presentar a comedia Nuestras mujeres, de Eric Assous. Dirixida por Gabriel Olivares, poderemos vela no Auditorio Abanca a partir das 20:30 horas, dentro da programación do ciclo Teatro 2015.

Tres vellos amigos quedaron para xogar a partida de cartas habitual, pero un deles atrásase inexplicablemente. Ten unha boa razón: asasinou a súa muller. Cun punto de partida sorprendente, potente, de pura teatralidade, Eric Assous preséntanos o seu máis recente éxito teatral…

O dramaturgo francés debuxa un xogo vertixinoso no que tres personaxes masculinos combaten nun duelo sen cuartel con outras tres mulleres que, sen aparecer nunca sobre a escena, provocan unha acción na que se discute unha cuestión tan íntima como que supón ser home hoxe en día. Os tres protagonistas son Gabino Diego, Antonio Garrido e Antonio Hortelano, tres actores curtidos nas claves da comedia. Unha ollada xeracional, enérxica e vital, sutil e irónica, na máis pura tradición do vodevil francés.

As entradas teñen un prezo de 20 euros no patio de butacas A e anfiteatro 1; 18 euros no patio de butacas 2; e 16 euros no anfiteatro 2. Poden mercarse en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do Teatro Principal de 18:00 a 21:00 horas. Tamén se poderán adquirir no propio Auditorio Abanca dende dúas horas antes de que comece a función.

26 de maio de 2015 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.