Fomento executará o acondicionamento de varias dependencias do conxunto catedralicio de Tui

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTui
A-
A+

O Ministerio de Fomento ten previsto executar as obras para o acondicionamento de varias dependencias do conxunto catedralicio de Tui, proxecto que desenvolveu a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

A intervención que levará a cabo a Consellería de Cultura consiste no acondicionamento de varias estancias do Pazo Episcopal do Conxunto Catedralicio de Tui, para que poidan ser destinadas a usos culturais. A proposta contempla a realización de salas de exposicións para acoller e expor diferentes obras que están gardadas na Catedral. Esta proposta deriva do Punto 05 dentro do Plan Director do Conxunto Catedralicio de Tui referente ao museo e a percorridos museísticos.

O proxecto aposta pola intervención en todas as plantas do Pazo Episcopal, quedando excluída a zona da segunda planta dedicada á vivenda episcopal. Tamén se actuará sobre a cubertas e mailas fachadas do Pazo. 

Entre as melloras que se levarán a cabo atópase aumentar a accesibilidade aos espazos expositivos coa instalación dun ascensor. Na primeira planta disporase dunha pequena biblioteca e sala de consulta, amais dun pequeno espazo para a sala do Tesoro. Na entreplanta primeira e segunda desenvolveranse os espazos expositivos multifuncionais e na sala capitular románica proponse mellorar a lectura cun contraforte, mediante a apertura dun oco entre ámbolos espazos.

Nos exteriores, tense previsto restaurar a cuberta do edificio, sanear as xuntas de fábrica substituíndoas por morteiros de cal, reparación das reixas de forxa; pavimentación de gres nos aseos da planta baixa e nas plantas primeira e segunda levantarase o pavimento existente e colocarase un novo de linóleo.

 

27 de maio de 2015 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.