Finalizan os cursos de Tempo de Lecer en Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Clausura de Tempo de Lecer

Clausura de Tempo de Lecer

As asociacións mosenses participantes no programa Tempo de Lecer que organiza a concellería de Educación e Participación Cidadá están a celebrar estes días as clausuras dos cursos iniciados o pasado mes de febreiro. Xa remataron os de Ioga levado a cabo en San Martín de Tameiga e Dornelas, o de cociña que se realizou na Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña, o de Pilates celebrado na Asociación de Veciños San Rafael de Pereiras e o de pintura tamén en Tameiga.

Esta iniciativa anual logra máis adeptos cada edición. Os cursos deste ano, que se impartiron nun total de 16 asociacións mosenses, foron, entre outros, guitarra e percusión, cestería, ximnasia de mantemento, elaboración de licores, teatro, baile tradicional, automaquillaxe, herbodietética, calceta, hipopresivos, cociña elaborada, informática, encaixe de palillos, ganchillo, ioga, etc.

O importe a aboar por cada alumno/a dos cursos de Tempo de Lecer é a razón de 1 euro/hora por participante, que debe inscribirse directamente na asociación na que se imparte o curso ou obradoiro no que está interesado/a.

Tal e como explicou a edil Kely Monzón “un dos fins deste programa é dar resposta á gran demanda por parte das asociacións e conseguir unha mellora do uso e disfrute do tempo libre dos participantes, a través da aprendizaxe, do traballo en equipo é do fomento da creatividade nos diferentes campos de actuación social”. Outros dos obxectivos de Tempo de Lecer son fomentar o asociacionismo na vida sociocultural e comunitaria, facilitar ás persoas de Mos a posibilidade de ocupar o seu tempo de lecer con actividades formativas adaptadas ás súas posibilidades  económicas, promover a participación social entre as persoas que máis o precisen, proporcionar alternativas de lecer no seu medio máis próximo e fomentar o uso do tempo de lecer en equipo.

8 de maio de 2015 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.