Ferrol e a Deputación pechan o venres o prazo de inscrición nos campamentos deportivos de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Deportes do Concello de Ferrol, que dirixe Susana Martínez Galdós, informa de que pasadomañá venres remata o prazo de presentación de solicitudes para participar no programa de Campamentos Deportivos 2015 da Deputación Provincial da Coruña. Estes campamentos, dirixidos aos nenos/as do municipio ferrolán, desenvolveranse no Colexio Calvo Sotelo da Coruña e se dividirán en grupos por idades: entre o 5 e o 11 de xullo (grupo A), e do 19 ao 25 de xullo (grupo B). As inscricións para participar nesta proposta deportiva deberán entregarse no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol.

Os Campamentos Deportivos da Deputación da Coruña están dirixidos a nenos/as nados nos anos 2005, 2004, 2003, 2002 e 2001 (grupo A), para os que se reservan 25 prazas; e 2000, 1999 e 1998 (grupo B) para os que a Deputación sortearán 180 prazas entre todos os concellos participantes. Os seleccionados aboarán 85 euros como cota de participación na conta bancaria que no seu momento determine a administración provincial. Nesta cota inclúense todos os gatos relacionados coa actividade: estadía, manutención e transporte interno para a realización das actividades programadas. A incorporación ó campamento no Colexio Calvo Sotelo será o domingo pola tarde por conta dos participantes.

Deporte e inglés

Os deportes en que se iniciarán os nenos/as son equitación, kaiak, piragüismo, tenis, voleipraia, fútbol 7, baloncesto, volei e tamén, realizarán batuka, capoeira e hip-hop. Ademais de prácticas deportivas, os participantes terán a ocasión de facer visitas culturais por diferentes centros de interese da Coruña e arredores. Os participantes tamén realizarán actividades relacionadas có inglés así como actividades e xogos que fomentarán a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e valores como o respecto polos demais.

27 de maio de 2015 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.