publicidade hoxe

Fene recreará o traballo que realizaban as lavandeiras de Sillobre no século XIX

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFene
A-
A+
Presentación do encontro

Presentación do encontro

Fene celebrará este sábado, 9 de maio, o seu segundo Encontro e recreación das Lavandeiras de Sillobre. E, esta mañá, o alcalde, Gumersindo Galego, presentaba o programa de actividades xunto ao concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Juan José Franco; José Sardiña, en representación da SCRD Agarimo; José Luis Seijo, presidente da AVV San Ramón de Sillobre, e Amelia de Querol e María del Carmen Sendón, en nome de Mesturas.

O rexidor destacaba o éxito da primeira edición e confiaba en reeditar e mesmo ampliar, se o tempo acompaña, os rexistros de participación nunha festa etnográfica que lle chega ao máis fondo do corazón a moitos veciños e veciñas. Por iso é polo que é preciso conservala e potenciala, engadiu, para concluír agradecendo a extraordinaria colaboración das entidades hoxe presentes na casa consistorial e de todos os veciños que representan.

A través do Encontro, e nunhas horas, tentaráse recrear todo o proceso que no século XIX levaban a cabo as lavandeiras de Sillobre nunha intensa semana de traballo. Dende a súa viaxe a Ferrol en lancha cos cestos de roupa limpa ata o seu regreso a Fene coa roupa para lavar, ata a viaxe en carros ata os lavadoiros e o proceso de lavado, clareo, secado… Unha auténtica homenaxe ao sacrificado traballo desas mulleres de Sillobre.

Nesta liña, Juan José Franco destacou a gratuidade das actividades, agás da cea, e sinalou como novidade a incorporación de actividades en horario de mañá. Así, o programa arrancará ás 11 horas co Roteiro dos Lavadoiros de Sillobre. Partirá do adro da igrexa, en dirección a Vilanova, primeiro lavadoiro. De alí, polo camiño real, ata A Calzada, a Fonte dos Mouros, e Cima de Pedre, con seis lavadoiros con moita historia. Todos en funcionamento a día de hoxe e, todos, da mesma época, do século XIX. Sobre as 16 horas, sairá a lancha do peirao de Perlío ata Ferrol, nesa vocación de recrear as viaxes das lavandeiras. Está aberta ao público, aínda que é preciso inscripción previa (xa que as prazas están limitadas a 150). Os interesados poderán anotarse ben no departamento de Promoción Económica do Concello ben nas entidades citadas (Agarimo, AVV San Ramón de Sillobre e Mesturas). Ás cinco está previsto o regreso. E, dende Perlío, iniciaráse a subida a pé ata Sillobre, acompañados de carros de cabalos para transportar a roupa e con animación musical a cargo dun grupo de gaitas do municipio.

A chegada á igrexa de Santa Mariña de Sillobre, sobre as 18,15 horas, onde terá lugar a lectura do pregón a cargo do Fenés do Ano, Ramón Loureiro. E, entre as 18,30 e as 20 horas, desenvolveráse a recreación propia do traballo das lavandeiras no lavadoiro de Emérita. Os asistentes tamén poderán participar en obradoiros de artesáns: de elaboración do pan –a cargo de Panadería Ramón-, talla –da AVV-, bolillos, pintura, cerámica… Ás 20,30 horas, terá lugar o concurso de caracterización. Neste sentido, os presentes animaron aos asistentes a ir con vestimenta da época para potenciar a autenticidade do evento. E, como broche de ouro, a cea na SCRD Agarimo. É preciso inscribirse previamente e o prazo remata este xoves. O prezo é de 20 euros e de 10 para os menores de 12 anos. ¿Menú? Entrantes, churrasco, cachelos, ensalada e requeixo con mel e viño Mencía. Por último, sinalar que despois da cea, habilitaráse un servizo de microbús dende Sillobre para os interesados en regresar a Perlío ou Ferrol.

5 de maio de 2015 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.