publicidade hoxe

Fene aproba destinar 40.000 euros en subvencións nominativas para entidades veciñais, culturais e deportivas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, explicou esta mañá que, a proposta da Concellería de Cultura e Deportes, a corporación municipal aprobaba en pleno destinar máis de 40.000 euros en concepto de subvencións nominativas a diferentes entidades e asociacións veciñais, culturais e deportivas. Unha cuantía que se eleva lixeiramente respecto ao exercicio pasado, nuns dous mil euros.

Unhas subvencións coas que, segundo explicou o rexidor, o Concello quere fomentar e apoiar as actividades do tecido asociativo. Así as cousas, a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, explicou que o conxunto dos convenios van destinados á ANPA do CEIP Centieiras (1.973 euros para contribuír ao mantenemento do comedor escolar); AVV de Magalofes (1.000 euros para a organización da Festa do Potro); AVV Santa Eulalia de Limodre (1.000 euros para a organización da Festa da Orella); Asociación Cultural Felicia (5.000 euros para a organización do Felipop 2014); CMI Unidade de Fene (1.000 euros para o Premio Pérez Parallé; unha axuda que comezaba a prestarse en 2011 con 500 euros e que o pasado ano o Concello decidía duplicar ata os mil); Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene (4.000 euros para a organización da Xuntanza de Gaiteiros); O Pote de Maniños (500 euros para a organización da Festa da Ameixa), CRD O Pote Maniños (3.000 euros para a Romaría do Pote); Club Escudería Scratch de Fene (2.000 euros para a organización do Slalom Fene), Aspanaes (2.500 euros) e Cáritas (8.000 euros para apoio das persoas con escasos recursos do municipio).

Este ano, e como o anterior, a axuda que recibía a asociación Os Centolos para a organización do Fenerock non se contempla ao entrar o Concello no evento co coorganizador, asumindo a metade dos seus gastos. Así mesmo, o Concello tamén colaborará coa festa Vikinga mediante unha aportación económica.

15 de maio de 2015 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.