Feijóo recorda ao alcalde de Vigo que a Xunta non subvenciona voos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, respondeu este luns ás críticas do alcalde de Vigo, Abel Caballero (quen responsabilizou o mandatario galego da supresión do voo Vigo-París), e recordoulle que, dende finais de 2009, o goberno galego non subvenciona voos.

En declaracións aos medios antes de participar nun almorzo con membros da asociación Ageinco, Núñez Feijóo subliñou que era o goberno bipartito de BNG e PSOE o que mantiña un convenio co Concello de Santiago para cofinanciar varios voos, entre eles, unha conexión con París.

A finais de 2009, coa chegada do PP ao Goberno galego, indicou, a Xunta “deixou sen efecto ese tipo de convenios”, co que “fai 5 ou 6 anos que non hai ningún tipo de convenio financiado con fondos da Xunta para voos a París con ningunha liña aérea”.

Así mesmo, Feijóo manifestou que está “absolutamente en contra” de que se subvencionen voos con diñeiro público dos concellos, cando eses mesmos voos funcionan dende outras terminais sen axudas.

Segundo reiterou, a Xunta oponse a que se financien conexións como a de París, cando a liña xa opera sen subvención, neste caso, dende Vigo, xa que supón unha “competencia desleal”. Así o matizou, “afecte o alcalde que afecte e se trate da cidade que se trate”.

POLÍTICA “FACHENDOSA”

En calquera caso, o presidente galego sinalou que as acusacións de Caballero se enmarcan na súa forma de facer política “fachendosa” e buscando “poñerse a mal con todo o mundo”. “Cando un se incomoda con todos, insulta a todos, non se quere sentar á mesa cos seus colegas,… a única que sae prexudicada é a propia cidade”, puntualizou.

Núñez Feijóo lamentou que a cidade de Vigo estea “sometida” á “política desprezativa” do seu alcalde. “Cando un non é capaz de falar con ninguén, ten problemas con todos”, sentenciou.

11 de maio de 2015 | 16:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.