Feijóo destaca as capacidades do sector tecnolóxico galego na visita ás novas oficinas de Redegal

Feijóo na visita ás novas oficinas de Redegal. Foto: A. Varela
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe as capacidades do sector tecnolóxico galego e a súa apertura ao exterior, que fai que o 50% da súa facturación proveña de fóra de Galicia.
Durante unha visita esta tarde ás novas oficinas de Redegal, Feijóo aseverou que as empresas galegas están a sacudirse as consecuencias da crise e a enfocar a recuperación cunhas estruturas renovadas, máis flexibles, eficaces e adaptadas aos novos tempos. E, nesta liña, afirmou que as compañías do sector TIC son unha mostra das empresas que configuran o modelo económico galego; “empresas que se caracterizan pola súa elevada cualificación, capacidade de exportación e capacidade para mellorar a súa propia produtividade e do resto das empresas do país”.
O responsable autonómico subliñou que este sector, co seu elevado valor engadido axuda aos sectores primario e secundario a modernizarse e facerse máis áxiles e eficientes; e perfecciona o xeito no que o sector servizos se relaciona cos seus usuarios, facendo a interacción entre empresas e clientes máis proveitosa para ambos os dous, “porque as tecnoloxías diminúen os custes e incrementan a eficacia e a eficiencia das empresas”.
Así mesmo, precisou que a Comunidade galega xa acolle máis de 2.200 empresas TIC, colocándose na quinta do Estado no que a innovación se refire. O seu volume de negocio vén medrando nos últimos anos e supera xa os 2.200 millóns de euros, polo que significa xa un 2% do PIB galego; e a expansión das empresas do sector tamén contribúe ao crecemento do emprego, con máis de 15.300 empregados.
Apertura e internacionalización das empresas galegas
Durante a súa intervención Feijóo puxo en valor a apertura e internacionalización das empresas galegas, unha estratexia na que leva traballando a Xunta nos últimos anos. E, neste sentido referiuse ao acordo de colaboración asinado durante a súa última viaxe institucional a México coa Secretaría de Desenvolvemento Agrícola, Territorial e Urbano do país, para que a enxeñaría galega, os servizos tecnolóxicos galegos e os servizos de consultaría poidan ter acceso a toda capacidade construtiva que ten o Goberno mexicano.
“Firmamos en febreiro un importante acordo coa Sedatu que une as empresas galegas de enxeñaría, tecnoloxía e consultaría co Goberno mexicano, de tal xeito que as empresas galegas terán coñecemento das licitacións públicas que o Goberno mexicano saque a concorrencia competitiva e poderán presentarse e, no seu caso, ser adxudicatarias”, precisou.
Ao longo da visita, Feijóo fixo fincapé na importancia do compromiso coas empresas TIC, reflectido na Axenda Dixital 2020, destinada a completar a incorporación de Galicia ás novas tecnoloxías en todos os eidos. Unha iniciativa que permitirá, en definitiva, abordar todas as frontes necesarias para que Galicia conte completamente cunha administración dixital; para que os servizos públicos dispoñan tamén das últimas tecnoloxías; para que a recuperación se apoie tamén nas TIC; para que o sector siga consolidándose como estratéxico en Galicia e para que todos os galegos podan acceder á rede, vivan onde vivan.
Nesta mesma liña, lembrou que o 20,6% das empresas galegas de dez ou máis traballadores venderon a través de internet, unha cifra que se sitúa por riba da media estatal.











