publicidade hoxe

Feijóo clausurará na Ribeira Sacra a reunión dos representantes da diáspora galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibas de Sil
A-
A+

O Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil acolle mañá e pasado a reunión anual da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas, máximo órgano de representación da diáspora entre plenarios do Consello. Precisamente, un dos asuntos da xuntanza é ultimar algúns aspectos dos contidos e orde de debate do plenario do Consello, que terá lugar nos vindeiros meses, e ao que acudirán os representantes das máis de cen comunidades galegas recoñecidas en todo o mundo.

O encontro da Comisión Delegada será clausurado este venres polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nun acto ao que están tamén invitadas as autoridades das principais administracións da zona involucradas na iniciativa da declaración.

Contido da xuntanza

Mañá xoves, e tralo saúdo do alcalde da localidade anfitrioa, José César Parente, aos membros da Comisión, estes comezan a reunión anual baixo a batuta do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. O secretario xeral informará sobre o estado das liñas de actuación do seu departamento neste ano 2015, no que se teñen rexistrado importantes adiantos cronolóxicos na convocatoria e resolución das ordes de axuda e subvencións tanto a comunidades galegas como a individuos galegos no Exterior.

Ademais, por parte do persoal da Secretaría procederase a expoñer a situación de tramitación do decreto polo que se aproba o regulamento e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas, decreto que desenvolve a nova Lei de Galeguidade. Tralo debate deste e outros aspectos que consideren de interese e actualidade, os membros do órgano permanente da representación da diáspora pecharán a primeira xornada de traballo co informe preceptivo sobre as solicitudes de recoñecemento da condición de novas comunidades galegas.

Xa o venres, a Comisión fixará os relatorios que han entrar a debate no plenario do Consello das Comunidades Galegas do último trimestre do ano. Despois, terá lugar a clausura oficial do encontro por parte do Presidente da Xunta.

A Comisión Delegada

A Comisión é un órgano, que se reúne polo menos unha vez ao ano, no que delega, por votación, a súa representación o Consello das Comunidades Galegas, formado polo centenar amplo de centros e casas de Galicia con recoñecemento oficial en todo o mundo. Forman parte da Comisión catro membros electos en representación dos centros e casas de Galicia en España, outros catro electos por aqueles con sede en Europa, e outros catro electos polos de América, máis os centros considerados ‘membros natos’: aqueles que superan os 50.000 asociados.

Arestora, son membros da Comisión Delegada: por España, centros de Barcelona, Salamanca, Sestao (Biscaia), e Sevilla; por Europa: Lisboa, Frankfurt, Londres, e Bruxelas; e por América: Caracas, Montevideo, Bos Aires e A Habana.

Na reunión de mañá e pasado en Santo Estevo de Ribas de Sil estarán presentes asemade os dous subdirectores da Secretaría Xeral da Emigración, e o propio Antonio Rodríguez Miranda.

27 de maio de 2015 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.