publicidade hoxe

Feijóo anima ao sector a profundar na comercialización dos produtos do mar e nos procesos de transformación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaLocal Portada
A-
A+
Feijóo na visita a Expomar. Foto: C. Paz

Feijóo na visita a Expomar. Foto: C. Paz

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o potencial náutico-pesqueiro de Galicia e animou ao sector a profundar na comercialización dos produtos do mar e nos procesos de transformación.

Durante unha visita este mediodía en Burela á feira internacional Expomar, Feijóo salientou que A Mariña concentra o 23% do volume de descargas de pesca fresca en Galicia e o 26% do valor acadado en primeira venda. A súa frota, ademais, representa en torno ao 16% do arqueo e da potencia dos buques galegos. “Así pois, este concello será nestes días o escaparate da importancia socioeconómica que ten a industria marítimo-pesqueira galega e dos tres eixos sobre os que se sustenta”, aseverou, destacando en primeiro lugar a dedicación e o traballo dos máis de 44.000 galegos que todos os días contribúen desde os seus barcos, desde unha batea, desde as praias ou portos ou desde unha fábrica conserveira a manter viva esta industria estratéxica para a Comunidade.

En segundo lugar, salientou que Galicia conta con 123 portos autonómicos e 5 de interese xeral, que conforman a plataforma loxística marítimo-pesqueira máis importante de España e de Europa, “trasladando —dixo— a mensaxe de que Galicia é un porto único”.

A Xunta, un socio leal e colaborador

Consciente da importancia da pesca, Feijóo aseverou que o sector galego conta cun “socio leal e colaborador: a Xunta de Galicia”, ao que engadiu que esa lealdade entre os traballadores e a Administración autonómica posibilita que Galicia estea sentada no Consello de Ministros da Unión Europea e que a Consellería do Mar defenda na Unión Europea a postura galega no que a pesca se refire.

O titular do Goberno galego fixo fincapé en que o criterio, a experiencia e o bo facer deste sector debe ser valorado polas autoridades e, neste sentido, aseverou que o Executivo autonómico seguirá defendendo o sector “con argumentos e con razóns; e para que eses argumentos e razóns, que o Consello de Ministros de España acepta como seus, se trasladen ao Consello de Ministros de Pesca da UE”.

Como proba disto, salientou que no período 2012-2014, no que Galicia tivo presenza nos Consellos de Ministros de Pesca da UE, representando ás comunidades autónomas, gañouse un 13% de cota, que aumentou o seu valor nun 55% ao incrementarse as cotas de especies de maior interese pesqueiro, como por exemplo a pescada.

No eido do marisqueo, a posta en marcha de proxectos de acondicionamento e recuperación de zonas improdutivas permitiu recuperar, só no ano 2013, case dous millóns de m2 de areeiros para a extracción de moluscos, e actualmente estase a traballar para recuperar outras 54 zonas.

Asemade, no eido da acuicultura, recordou que a Administración autonómica está a traballar na Estratexia Galega de Acuicultura e na vindeira Lei de acuicultura de Galicia, “que actualmente estamos a ultimar para remitir ao Parlamento”.

Sobre as cifras de facturación, Feijóo precisou que en 2014 as descargas de pesca fresca aumentaron en Galicia un 14,5% e a facturación nun 4,5% con respecto a 2013, a facturación de mariscos bivalvos aumentou nun 4,3% e a acuicultura galega incrementou a súa produción nun 27,5% e facturou un 12,5% máis en comparación co ano anterior (2013).

No caso concreto da Mariña, en 2014 as descargas de pesca fresca aumentaron nun 27% e facturaron un 10,5% máis que en 2013, acadando os 113 millóns de euros. “Pero, ademais, hai que ter en conta que nesta zona do litoral galego a principal especie en lonxa é a pescada, que abrangue o 75% da facturación”, dixo o presidente autonómico, logo de precisar que as cotas de pescada de Gran Sol medraron un 60% nos últimos dous anos.

Aposta pola acuicultura

Ao longo da súa intervención, Feijóo avogou por unha acuicultura “sostible, que non impacte na zona do litoral, que se inserte na nosa costa e que non afecte nin á paisaxe, nin ás capacidades de pesca, nin ao marisqueo”. E, nesta liña, valorou o feito de que a empresa Stolt Sea Farm confirmase un novo investimento de 24 millóns de euros na Mariña lucense, que creará 75 novos postos de traballo, ampliará as instalacións que neste momento ten en Cervo e que aposta por dúas especies —rodaballo e linguado— que non compiten co peixe pescado pola frota local.

Feijóo concluíu subliñando que logo de 16 edicións, esta feira da industria marítimo-pesqueira é un referente que converte Burela no centro neurálxico do sector. “Estamos a falar dunha das feiras máis importantes do país neste ámbito na que se pon en valor o traballo e o compromiso das persoas que a fan posible e a fortaleza dun sector de cabeceira para Galicia. Con 112 expositores e 350 marcas, con 8.000 visitantes na última edición e que congrega a 35 entidades representativas desta industria no Encontro empresarial de organizacións pesqueiras que se celebra no marco deste evento”, aseverou.

15 de maio de 2015 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.