Fegadace ergue a voz contra o copagamento confiscatorio
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vai ser o escenario, o sábado 30 de maio, do IV Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA). A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) súmase á campaña do CERMI (Comité Estatal de Representantes de Persoas con Discapacidade) pola reforma da Lei de Dependencia dedicando os contidos deste Foro de Familias ao lema ‘Non ao copagamento confiscatorio’.
Este ano acádase o cuarto Foro, un encontro pensado para a posta en común das necesidades e preocupacións das familias das persoas con dano cerebral adquirido no que se analiza a evolución das asociacións, se intercambian experiencias de traballo e se recibe formación especializada para a atención da problemática relacionada co DCA. Aínda que ata o de agora se facía coincidir o encontro co Día do Dano Cerebral (26 de outubro), FEGADACE decidiu separar ambas datas para poder centrar a atención e dar un maior protagonismo ao Foro de Familias.
O programa de traballo deste IV Foro de Familias comeza ás 9:30, coa recepción e entrega de documentación. Ás 10:00 o presidente de FEGADACE, José Balboa, lerá o discurso de apertura, para, ás 10:15, mergullarse de cheo no programa cunha mesa redonda sobre ‘Como nos afecta o copagamento?’. Interveñen nela a presidenta da Federación Española de Daño Cerebral (FEDACE), Amalia Diéguez, e o presidente da Asociación de Pacientes do CHUS, Fernando Abraldes. Encárgase de moderar Luisa Ramírez, vicepresidenta de FEGADACE.
Ás 11:15 farase entrega do III Premio FEGADACE á Fundación Barrié. Para o acto, conducido polo secretario da Federación, Fidel Castro, contarase con Miguel Blanco, coordinador da Unidade de Ictus do CHUS e II Premio FEGADACE. Recollen o galardón o Director Xeral da Fundación Barríé, Javier López, e a súa Directora de Acción Social, Mª Isabel Pérez.
Trala entrega realizarase unha pausa. O programa retómase ás 12:00 coas persoas asistentes divididas en catro grupos de traballo nos que recibirán unha formación e asesoramento máis directo e próximo sobre ‘Curatela’, ‘Alimentación, saúde e hixiene das persoas con DCA’, ‘Achegamento (baseado na filosofía da estimulación basal)’ e ‘Manexo de condutas difíciles’.
Ao finalizar a sesión dos grupos de traballo, as persoas asistentes ao Foro de Familias gozarán dun xantar de confraternidade na cafetería da Facultade de Económicas.











