Fegadace celebra o seu IV Foro de Familias contra o copagamento confiscatorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) organiza, este sábado, o IV Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA). Este encontro serve ás familias de persoas con dano cerebral de espazo de traballo e reflexión sobre o devir das súas asociacións, e este ano vai estar dedicado ao lema ‘Non ao copagamento confiscatorio’. O Foro de Familias comeza ás 09:30 do sábado, 30 de maio, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) .

‘Non ao copagamento confiscatorio’ é o lema que preside a Iniciativa Lexislativa Popular para a reforma da Lei de Dependencia para a que o CERMI (Comité Estatal de Representantes de Persoas con Discapacidade), entidade da que FEGADACE fai parte, está procurando apoios. No Foro de Familias recolleranse sinaturas e explicarase máis polo miúdo esta iniciativa.

O programa do IV Foro de Familias comeza a primeira hora coa recepción e entrega de documentación. Ás 10:00 o presidente de FEGADACE, José Balboa, lerá o discurso de apertura, para, ás 10:15, mergullarse de cheo no programa cunha mesa redonda sobre ‘Como nos afecta o copagamento?’. Interveñen nela a presidenta da Federación Española de Daño Cerebral (FEDACE), Amalia Diéguez, e o presidente da Asociación de Pacientes do CHUS, Fernando Abraldes. Encárgase de moderar Luisa Ramírez, vicepresidenta de FEGADACE. 

Ás 11:15 farase entrega do III Premio FEGADACE á Fundación Barrié. Para o acto, conducido polo secretario da Federación, Fidel Castro, contarase con Miguel Blanco, coordinador da Unidade de Ictus do CHUS e II Premio FEGADACE. Recollen o galardón o Director Xeral da Fundación Barríé, Javier López, e a súa Directora de Acción Social, Mª Isabel Pérez. 

Trala entrega realizarase unha pausa. O programa retómase ás 12:00 coas persoas asistentes divididas en catro grupos de traballo nos que recibirán unha formación e asesoramento máis directo e próximo sobre os seguintes temas:

– Curatela. Aportarase información, asesoramento e casos prácticos sobre este sistema de protección e garda das persoas maiores de idade e con incapacidades leves. A diferenza da tutela, non exerce unha vixilancia e coidado xeral, senón que complementa as súas capacidades en feitos e actos concretos.

– Alimentación, saúde e hixiene das persoas con dano cerebral adquirido. Recomendacións, pautas e resolución de dúbidas sobre como alimentar e coidar a saúde e a hixiene nas cuestións específicas que afectan ás persoas con DCA.

– Achegamento (baseado na filosofía da estimulación basal). A estimulación basal é un concepto para o desenvolvemento de persoas con discapacidades graves baseado na comunicación e na interacción durante a abordaxe da rehabilitación. No obradoiro explicarase como mellorar a relación coa persoa con DCA e o seu benestar no día a día, incrementando a comunicación, empregando o tacto, e con outras pautas.

– Manexo de condutas difíciles. Unha das principais secuelas do dano cerebral son as alteracións condutuais con impulsividade, agresividade ou hiperactividade. Dúas psicólogas e neuropsicólogas ensinarán aos familiares asistentes como intervir cando se producen estas crises para tratar de minimizalas.

Ao finalizar a sesión dos grupos de traballo, as persoas asistentes ao Foro de Familias gozarán dun zantar de confraternidade na cafetería da Facultade de Económicas.

A Fundación Barrié recolle o III Premio FEGADACE

A Federación Galega de Dano Cerebral decidiu entregar o III Premio FEGADACE á Fundación Barrié “polo seu labor de apoio ao movemento asociativo do dano cerebral adquirido, que respaldou desde unha fase incipiente contribuíndo ao seu fortalecemento institucional e á visibilización das asociacións membro de FEGADACE e da discapacidade que representan, e axudando a incrementar a dimensión e a consolidar programas e servizos para a mellora da calidade de vida das familias e persoas con DCA”.

Esta entidade leva anos respaldando a través de diferentes programas, entre os que salienta ‘Más Social’, o labor das asociacións de FEGADACE. A Fundación Barrié leva demostrado unha aposta decidida polo desenvolvemento e fortalecemento das asociacións de dano cerebral adquirido, contribuíndo, desde os ámbitos da formación, da consultoría e do apoio á contratación, a que as asociacións poidan mellorar a calidade de vida das persoas con DCA con máis e mellores proxectos e servizos.

Iniciativa Lexislativa Popular ‘Non ao copagamento confiscatorio’ 

O CERMI, do que fai parte FEGADACE, é a entidade de referencia de representación das persoas con discapacidade a nivel estatal. Este organismo está inmerso desde xaneiro nunha campaña de recollida de sinaturas que respalden a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) ‘Non ao copagamento confiscatorio’ pola reforma da Lei de Dependencia.

A principal reclamación desta ILP é que se establezan uns criterios xustos de copagamento que non expulsen ás persoas en situación de dependencia da protección social. É a resposta do movemento asociativo da discapacidde ás políticas de recortes, que crearon unha situación insostíbel que fai recaer o esforzo económico do mantemento do sistema de atención á dependencia nas propias persoas nesa situación e nas súas familias. 

FEGADACE aproveitará o Foro de Familias para recoller sinaturas que respalden a Iniciativa Lexislativa Popular, para garantir que poida ser admitida para o seu debate no Congreso.

27 de maio de 2015 | 11:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.