Fantásticos resultados dos atletas da Ximnástica no nacional de probas combinadas
Cartaxena acolleu o Campionato de España de Federacións Autonómicas de probas combinadas, coa presenza da selección galega, que estaba infestada de atletas da Sociedade Ximnástica. Aínda que finalmente o combinado galego conseguiu o sexto posto da xeral, algúns dos atletas pontevedreses tiveron unha gran actuación.
Mencionar a Darío Costas que se impuxo no Decatlon júnior con 6.367 puntos, batendo a marca de Galicia da especialidade. Con 4.069 puntos no Heptatlon feminino, Sandra Carballo estivo moi preto da súa marca persoal, quedando a décimo quinta na xeral.
Por último Santi Ferrer Alonso sumou 6.102 puntos no Decatlon, esta vez non lle acompañou a sorte e estivo lonxe dos 6.300 que realizou hai dúas semanas no Campionato de Galicia, pero aínda así finalizou no sétimo lugar.
Na serie municipal de atletismo de Vigo, a Sociedade Ximnástica sumou catro vitorias parciais
Con preto de medio milleiro de atletas competindo, celebrouse no Estadio de Balaídos de Vigo, a quinta xornada das Series Municipais de atletismo, coa presenza de preto de 40 atletas da Sociedade Ximnástica que buscaban comprobar o seu actual estado de forma.
Destacar as catro vitorias parciais dos atletas pontevedreses, Rocío Rodríguez con 4.40.39 nos 1.500 metros lisos, conseguiu ademais marca persoal; Carlos Cerviño con 47.47, impúxose no lanzamento de xavelina; e Carolina Santos, sumou dous triunfos na categoría alevín, nos 500 metros e o lanzamento de peso.
Rozaron a vitoria, co segundo posto, Pablo Tojal nos 300 metros valas cadete, Pedro Bastos nos 400 metros valas xuvenil e Jorge Puig nos 400 metros lisos.
Por último foron terceiros, Alex Solla no salto de lonxitude masculino e Helena Suárez no salto de lonxitude alevín.











