Éxito de asistencia no obradoiro de cociña na Guarda
O obradoiro de cociña para nenos, organizado polo Concello da Guarda e celebrado o pasado sábado na Praza de Abastos, foi un éxito de asistencia. Na actividade, enmarcada dentro da programación do “Maio gastronómico e cultural” baixo o nome de “Día do Mercado”, participaron máis de oitenta rapaces e rapazas, de idades comprendidas entre os seis e os doce anos.
A actividade, que tiña como obxectivo mostrar os rapaces a importancia da alimentación sa e saudable, estaba formada por dous talleres diferentes, un no que os nenos e nenas facían unha macedonia e outro no que aprendían a reencher, decorar e presentar unha filloa. Por quendas de media hora, os rapaces foron pasando por un destes obradoiros.
No primeiro dos talleres os nenos e nenas comezaron pelando a froita. Coas instrucións da monitora, un a un, os participantes conseguiron pelar mazá, pera, plátano, uvas ou mandarina. Unha vez peladas tiveron que cortar pedazos de cada unha das pezas e botalas nun vaso. Cando xa todos as porcións estaban colocadas por colores, o seguinte paso foi botarlle zume de laranxa. O último paso foi a decoración da macedonia con pinchos cós que poder coller cada un dos pedazos de froita.
Mentres uns nenos traballaban na macedonia outros agudizaban a súa orixinalidade decorando as filloas. Primeiro os nenos e nenas, ataviados con mandís para non mancharse, botáronlle caramelo á filloa e a dobraron en catro. Máis tarde coa nata facían un debuxo na esquina do prato para, finalmente, acabar decorando a súa receita con pedazos de froita anteriormente pelada por eles mesmos.
Tras terminar os seus pratos, cada un dos participantes levaba orgulloso a súa receita feita cen por cen por el, para casa.











