Estrella Galicia patrocinará ao Celta outras tres tempadas
O presidente do Real Club Celta, Carlos Mouriño, e o conselleiro delegado de Hijos de Rivera, Ignacio Rivera asinaron esta tarde a renovación do acordo de patrocinio que une a ambas as entidades, que estableceron unha sólida e estable relación hai xa varias tempadas que hoxe prolongaron por tres campañas máis. “Únenos a paixón por Galicia e representar todo o que significa esta terra”, comentou o presidente celeste.
Carlos Mouriño destacou o agradecemento do club a Estrella Galicia “porque sempre estivo connosco e que sigan ao noso lado é moi importante para consolidar o noso proxecto”. Sinalou que a ambas as entidades “únenos ademais unha gran paixón, a paixón por Galicia. Eles e nós queremos representar todo o que significa esta terra. Oxalá estes tres anos se convertan en moitos máis”.
“Sentímonos moi satisfeitos porque sabemos que foi un gran sacrificio para Estrella Galicia”, engadiu o presidente celeste.
Ignacio Rivera subliñou que “para min é un día feliz como persoa e como empresa. É un acordo co Celta e a Fundación moi importante para nós”.
“Ratifica a nosa aposta polo fútbol galego”, apuntou Rivera, quen indicou que “é un contrato importante para nós, faremos un investimento que dobra á que faciamos ata agora e é xusto facelo porque temos que estar co club e apoialo”.











