publicidade hoxe

Entrega dunha furgoneta de nove prazas ao Concello de Poio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoioPontevedra
A-
A+

A deputada Ana Isabel Vázquez entregoulle, esta mañá, ó alcalde en funcións de Poio, Luciano Sobral, un furgón de nove prazas valorado en 20.000 euros. A adxudicación deste vehículo aprobouse na Xunta de Goberno do 10 de outubro de 2014 e financiouse con fondos do Plan Provincial de Obras e Servizos do ano 2013.

Ana Isabel Vázquez destacou que é un furgón de nove prazas destinado a mellorar os recursos dos servizos de benestar social do municipio, dentro da liña de colaboración que a Deputación está a manter cos concellos para “que todos os veciños, vivan onde vivan, teñan a posibilidade de contar cos mesmos recursos”.

A deputada provincial tamén salientou que a entrega deste vehículo se suma á adxudicación do vehículo da Policía Local que se lle concedeu hai un ano ó Concello de Poio e ás diversas actuacións de mellora de infraestruturas que a Deputación aprobou por importe de “preto de 500.000 euros nesta localidade”.

Pola súa banda, o alcalde de Poio indicou que a furgoneta vai substituír os dous vehículos cos que agora conta o Concello para benestar social e que polas tardes se empregará tamén para “o mantemento dos colexios, a casa rosada, así como para o traslado de persoas maiores, dos membros do coro e dos rapaces das escolas deportivas, pero con maior comodidade”.

Luciano Sobral puxo de manifesto que este tipo de plan de colaboración da Deputación cos concellos é “básico para que os municipios poidan prestar os seus servizos e renoven as súas frotas e recursos”.

27 de maio de 2015 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.