Emotiva despedida do director da canteira celeste Toni Otero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVigo
A-
A+

O presidente do Real Club Celta, Carlos Mouriño, e o ata agora director da canteira do club, Toni Otero, protagonizaron hoxe unha emotiva comparecencia na despedida do que fose responsable das categorías inferiores celestes nas últimas sete tempadas.  Mouriño apuntou que “se nos vai unha das nosas referencias” e  garantiu que no camiño que emprende Toni “estaremos todos detrás empuxándolle”. 

O presidente do Celta indicou que “para o Celta e sobre todo para min é un día triste e alegre. Triste porque se vai unha das nosas referencias, Toni, que estivo 23 anos connosco pasando por case todos os postos que temos na canteira incluíndo o de adestrador do Celta B”.

“Foron moitos anos de dedicación competa, entusiasmo brutal e traballo encomiable, que levou a que a nosa canteira fose declarada a mellor de España hai un ano e que conseguísemos ter tantos internacionais como tivemos”, engadiu Mouriño, quen precisou que “dicía que é un día tamén alegre porque é o que sempre pretendemos, que a xente mellore, se supere e busque o seu provir”.

“Está é a túa casa, se queres regresar e temos a posibilidade volveremos colaborar”, comentou o dirixente celeste, quen indicou “vaste deixando un gran recordo, un gran agarimo e unha gran profesionalidade. Dáme pena dicirche adeus, pero tomaches un camiño e estaremos detrás empuxándote. Grazas por todo”, concluíu Carlos Mouriño

Toni Otero quixo en primeiro lugar “agradecer as palabras do presidente e a todo o persoal e compañeiros que están aquí hoxe. Non teño palabras para expresar o meu agradecemento a este club, a este presidente, consello e dirección por todo o apoio que me deron”.

“Non é un adeus, é un ata logo. Debo tomar un camiño para poder volver con outra experiencia e outra profesión que xa non sexa o fútbol base”, sinalou.

26 de maio de 2015 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.