Educación participa no acto de conmemoración do centenario do CEIP plurilingüe Labaca da Coruña
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta tarde na conmemoración do centenario do CEIP Plurilingüe Labaca da Coruña, que ten a súa orixe no centro fundado no ano 1915 polos irmáns Ricardo e Ángela Labaca.
En referencia á celebración deste aniversario, Anxo Lorenzo afirmou que “este centenario é tamén un anaco da historia cultural e educativa da Coruña e, en certa maneira, un anaco da historia do ensino en Galicia e unha mostra do labor vocacional, profesional, valente e altamente comprometido que os educadores e educadoras viñeron facendo ao longo de décadas, en circunstancias sociais, políticas e económicas moi diferentes”.
Na súa intervención, o secretario xeral tamén destacou a necesidade de que os proxectos pedagóxicos partan da base de “buscar camiños para incrementar o interese por saber, por medrar en cultura e coñecemento, por contar cunha sociedade ben preparada para vivir mellor e construír un futuro digno”.
Tamén recordou Anxo Lorenzo “o intenso debate sobre a lingua da escola e a norma” que se produciu naqueles Encontros Labaca de primeiros dos anos oitenta”, polo que o centro foi tamén “un espazo para o debate social daquela en Galicia”, dixo.
Recordar os camiños andados
“Esta celebración –asegurou– axuda a recordar todos eses camiños andados e, sobre todo, a poñer exemplos e fachos de luz que nos inspiren na tarefa inxente e imprescindible de ofrecerlles aos nenos e ás nenas, aos nosos rapaces e rapazas, posibilidades para se desenvolveren como persoas e para asegurar un futuro positivo e en boa convivencia”.
Finalmente, felicitou os actuais equipos docente e directivo; as nais e os pais que acompañan o traballo educativo, e as alumnas e os alumnos, “que son xa presente e futuro da Galicia que temos nas mans construír”.
Na actualidade, no CEIP Labaca, dirixido por Andrés Soto Domínguez, estudan 228 alumnos e conta cun cadro de persoal de 17 profesores que imparte ensinanzas de educación infantil e primaria. Coa colaboración da Asociación de Nais e Pais de Alumnos, organízanse múltiples actividades, tanto complementarias coma extraescolares, e desde a escola estase apostando pola educación plurilingüe e polas ferramentas multimedia como elementos de innovación educativa.
En 2015, o centro celebra os 100 anos da sinatura por parte do alcalde da Coruña da autorización para que os irmáns Labaca puidesen iniciar as actividades das Escolas do Ave María, o nome co que inicial se designou o centro educativo.











