publicidade hoxe

Eduard Velasco presenta o seu libro “Ruído de trens” en Fene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O CMI Unidade de Fene acollerá este sábado, 9 de maio, o acto de presentación do libro “Ruído de trens”, de Eduard Velasco, gañador do XXVVII Premio Nacional de Poesía “Xosémaría Pérez Parallé”. O acto, aberto á participación da veciñanza, dará comezo ás 20,30 horas e no mesmo acompañarán ao autor o alcalde, Gumersindo Galego; o presidente do CMI, Manuel Romero; o editor Miguel Anxo Fernán Vello e a xornalista Lara Dopazo Ruibal. No mesmo, tamén se darán a coñecer as bases da convocatoria da nova edición do premio e, como broche de ouro, o público poderá asistir á actuación do grupo vocal Sondenós. Eduard Velasco, nado en Barcelona en 1982, reside en Compostela desde 2006. É licenciado en Filoloxía Catalana e Filoloxía Galega pola Universitat de Barcelona. Adícase á divulgación cultural entre as culturas galega e catalana e colaborou en varios medios galegos. Foi profesor tanto de galego como de catalán e fixo diversas traducións entre o galego e o catalán como “Pa negre” de Emili Teixidor ou “O porco de pé”, de Vicente Risco.

O Premio Nacional de Poesía, que convoca anualmente o CMI Unidade de Fene, xurdiu, tras o pasamento en 1987 de Xosemaría Pérez Parallé, como homenaxe da entidade ao “segrel do Penedo”. Desde o ano 2005 o Concello de Fene colabora coa convocatoria do certame, que premia un libro de poesía de autor ou autora inédito. Hai tres anos o Concello que preside Gumersindo Galego decidía reforzar esa colaboración aportando unha dotación económica de cincocentos euros ao premio. Dotación que na última edición elevou ata os mil euros. O libro gañador publícase na prestixiosa colección de poesía Espiral Maior, a máis extensa colección de poesía da historia da literatura galega. Ademais, desde hai uns anos, o premio incorpora para o gañador ou gañadora unha escultura de cerámica do artista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé e máis unha dotación económica de 1.000 euros.

O premio convócase co obxectivo de colaborar na promoción de novas voces, polo que é requisito para participar non ter publicado ningún libro individual de poesía. Porén, admitiranse traballos presentados por persoas que publicasen previamente algún libro en edición de autor, recomendándose que as obras teñan unha extensión mínima de 300 versos. Deberán presentarse baixo pseudónimo ou lema e acompañados dun sobre pechado. En todo caso, os autores e autoras presentarán un libro de poesía en lingua galega. O prazo rematará o 30 de setembro e deberán enviarse ao enderezo do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene. O xurado estará composto por tres persoas de recoñecida traxectoria no ámbito da escrita literaria, da edición ou da crítica. As bases publicaránse na páxina web do Concello (www.fenecidadan.net) o luns, 11 de maio, quedando aberto o prazo de presentación de traballos.

4 de maio de 2015 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.