Economía e Industria achega as oportunidades de negocio en Colombia ás empresas agroalimentarias galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O director do Igape, Javier Aguilera, salientou esta mañá na apertura do Foro Internacional de Agroalimentación que se desenvolve hoxe na sede da CEP as oportunidades de negocio que poden atopar nun mercado en crecemento como Colombia as empresas agroalimentarias galegas, que están a destacar pola calidade e a incorporación da innovación aos seus produtos. Neste sentido, destacou que o ano pasado foron 234 as empresas galegas que exportaron a ese país, máis do dobre que en 2010.

Aguilera Navarro lembrou o amplo abano de servizos que a Xunta achega para facilitar as diferentes fases da expansión internacional das Pemes galegas, tanto en orixe, a través do Igape, como en destino, a través da oficinas como a da rede Pexga en Colombia, recordando que a Xunta vén de aprobar a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega.

O Foro Internacional de Agroalimentación orientado a Colombia foi organizado ao abeiro do proxecto ECICII, centrado na cooperación entre Galicia e Norte de Portugal para impulsar, conxuntamente, a mellora da competitividade e a internacionalización das empresas da eurorrexión. Ao abeiro deste proxecto desenvolveuse un observatorio de internacionalización e realizáronse estudos sobre sectores como o sector agroalimentario, os materiais de construción ou a Canle Contract –especializada no equipamento de espazos de uso colectivo¬– na eurorrexión.

Durante o Foro de Internacionalización desenvolvéronse relatorios sobre os servizos, axudas e incentivos á internacionalización empresarial cara a Colombia, ou sobre oportunidades específicas na canle orientada a hoteis, restaurantes e cafeterías (HORECA), así como exemplos de casos de éxito de empresas galegas, como Frigolouro, que xa exportan a ese mercado.

21 de maio de 2015 | 11:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.