Dúas novas iniciativas de creación de emprego beneficiarán a 81 parados en Vilagarcía
A Concellería de Traballo e Benestar ten previsto poñer en marcha nos vindeiros meses dúas novas iniciativas para promover a creación de emprego no municipio. Trátase dun Programa Integrado de Emprego que beneficiará a 60 parados e un Obradoiro no que poderán formarse outros 21. Os proxectos deseñados polo departamento que dirixe Elena Suárez xa foron aprobados pola Xunta de Galicia que contribúe achegando financiamento para a súa execución.
Estes dous novos programas súmanse á liña de accións que ten en marcha a Concellería de Formación e Emprego para loitar contra o paro utilizando diversas metodoloxías e tratando de abordar a problemática dende diferentes ámbitos.
De feito, o Obradoiro de Emprego Castro Alobre baséase en ofrecer un contrato de formación laboral e práctica a 21 desempregados que realizarán traballos para a administración local. A idea é proporcionarlles formación e experiencia laboral que lles permita posteriormente acceder con máis facilidades ao mercado laboral.
O caso do Programa Integrado de Emprego é diferente. O obxectivo aquí e proporcionarlle aos usuarios as ferramentas para que logren a súa reinserción laboral. Os 60 beneficiarios non disporán de contrato, pero recibirán todo tipo de información, asesoramento e formación complementaria para mellorar as súas posibilidades de empregabilidade e tamén contarán con intermediación laboral por parte de persoal técnico que os porá en contacto con empresas.
Segundo as bases deste proxecto, o obxectivo e lograr a reinserción laboral de alo menos, o 31% dos participantes no programa, dependendo a suma da subvención que a Xunta concederá ao Concello do grao de cumprimento deste obxectivo.
Módulos de carpintería e xardinería durante 6 meses
O Obradoiro Castro Alobre contará cos módulos de Carpintería e moble e Instalación e mantemento de xardíns e zonas verde.Os 21 alumnos seleccionados recibirán formación teórica e práctica mediante a realización de traballos de interese social para o Concello e que sería contratados baixo a modalidade de contrato de formación e aprendizaxe durante un período de 6 meses.
O persoal do módulo de Carpintería e moble realizarían labores de mantemento de mobiliario para a revalorización dos espazos públicos naturais e urbanos do municipio. Os alumnos da especialidade de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes encargaríanse da conservación e mellora destes espazos.
Un ano preparando a reinserción
Os 60 participantes no Programa Integrado de Emprego terán a oportunidade de traballar a partir de setembro e durante 12 meses cos técnicos e asesores en materias como a formación en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de coaching, prospección empresarial, habilidades socio laborais e obradoiros de entrevista. Tamén recibirán información, orientación e asesoramento e disporán de intermediación laboral para poñer en contacto aos participantes coas empresas que ofertan traballo e xestionaránse prácticas en empresas.











