Detéctase unha mancha de mildiu nun viñedo do Condado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

 Os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro advirten que, debido ás condicións climatolóxicas dos últimos días, con abundantes chuvias rexistradas, e ó momento da campaña no que se atopa a vide, existe un elevado risco de infección de mildiu.

Tal e como se advertía no último aviso do 30 de abril, ante as previsións meteorolóxicas que se anunciaban, nas tarefas de vixilancia realizadas na última semana detectouse a aparición da primeira mancha de aceite (aínda en fase de inicio) nunha parcela de albariño da comarca do Condado.

Malia a todo, desde a Estación Fitopatolóxica de Areeiro confirman que polo de agora é a única mancha detectada tras as análises realizadas na propia parcela do centro.

Os responsables da Estación recomendan “a aplicación de tratamentos, especialmente nos viñedos que aínda non recibiron ningunha intervención”. Os técnicos recordan que os funxicidas sistémicos ou penetrantes son os máis recomendados neste momento. Este tipo de tratamentos non sofren lavado ata unha hora despois da súa aplicación e a caída de posibles precipitacións, o que permite aproveitar os claros no ceo para botalos. Tamén aconsellan engadir “un mollante para facilitar a adherencia do tratamento á vexetación”.

6 de maio de 2015 | 15:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.