Deputación e Pontevedra CF renovan o convenio de colaboración para patrocinar ao club granate

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

A Deputación e o Pontevedra CF renovaron esta mañá o convenio de colaboración, por importe de 160.000 euros, para patrocinar o conxunto granate. Esta contía ascende a preto de 180.000 euros coas axudas que o equipo granate recibe da Deputación, pola súa promoción e fomento do deporte na provincia de Pontevedra.

Rafael Louzán destacou que este convenio deixa constancia de que a Deputación “é a institución que máis apoia a este club, o que permitiu que, grazas ó traballo da presidenta, o Pontevedra CF teña vida, futuro e un magnífico estadio”.

Pola súa banda, Lupe Murilllo agradeceulle ó presidente da Deputación que cumprise os seus compromisos co equipo granate: “gracias por apoiar sempre o deporte e este club nos momentos complicados, cando o club se nos ía. A Deputación é o primeiro patrocinador do Pontevedra CF nesta última etapa, xunto con Pescamar, pero se a Deputación non tivera apoiado o equipo da maneira que o fixo, hoxe non existiría”.

Deste xeito, Rafael Louzán manifestou o seu desexo, pero con prudencia, “porque os partidos de fútbol só se gañan no campo”, de que esta sinatura coincida co retorno a segunda división do equipo pontevedrés o vindeiro domingo: “espero que sexa unha bonita tarde de fútbol, para a cidade, para o Pontevedra e a súa afección e o deporte galego”. Así mesmo, animou os afeccionados a acudir a Pasarón “porque o Pontevedra poida sentir a calor do público e porque o Pontevedra ben o merece”.

Patrocinio do Pontevedra CF

Segundo o convenio asinado esta mañá, o Pontevedra CF deberá inserir o logotipo da institución provincial na camiseta oficial do primeiro equipo (en todos os seus equipamentos) e noutros soportes coma carteis, entradas para os partidos, aliñacións, marcadores e photocalls do estadio de Pasarón (sala de prensa e túnel de vestiarios).

O convenio tamén establece que o logo da institución debe aparecer nos valos publicitarios do estadio, nas lonas localizadas nas bancadas e vomitorios do recinto, na entrada ós vestiarios, así como na fachada exterior do recinto deportivo.

Así mesmo, o acordo entre a institución provincial e o Pontevedra CF contempla que a páxina web do equipo deberá ter un enlace de acceso á web da Deputación.

Invitacións para os nenos das escolas deportivas

Este convenio recolle o compromiso que ambas as entidades defenden para fomentar a formación deportiva, cultural e social na provincia. Por iso, baseándose neste acordo, facilítaselles ós menores da provincia vinculados ó deporte o achegamento ó mundo do fútbol.

En virtude deste convenio o Pontevedra CF entregaralles invitacións junior ás escolas deportivas dos concellos que así o soliciten, para que os mozos de ata 16 anos asistan ós partidos que o primeiro equipo xogue no estadio de Pasarón. As entradas deberán solicitarllas ó Pontevedra CF con anterioridade á data de cada partido.

26 de maio de 2015 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.