Dani ‘Chino’ continuará a próxima tempada no Santiago Futsal

Renovación de Dani “Chino”
O pivote salmantino, Daniel Montes, coñecido por ‘Chino’, renovou o seu contrato co Santiago Futsal e será xogador do club branco a próxima tempada. Desta maneira, o club aposta pola continuidade dun pivote que asinou unha gran tempada con 9 tantos, algúns deles decisivos como o de Lugo no último segundo que deu a vitoria aos de Santiago no derbi galego ou o que marcou ante Inter Movistar que destacou como o mellor gol da xornada.
O xogador, de 24 anos, recalou no Santiago Futsal procedente do Albense de 2ªB na pretemporada do curso pasado. ‘Chino’ convenceu a Santi Valladares durante o período de proba no mes de Agosto, e o técnico decidiu contar con el no equipo esta tempada.
Dani expresou a súa alegría coa renovación e dixo “Renovar e quedarme aquí era o que quería. A nivel individual esta tempada sentinme moi ben e a nivel colectivo cumprimos os obxectivos e estou contento por axudar a iso. A próxima tempada espero estar mellor, xa que será a miña segunda tempada aquí e quero axudar máis a nivel colectivo.”











