CUT e CIG consideran un seguimento da folga bastante bo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Europa Press

CUT e CIG valoraron que o primeiro dos paros previstos para a folga por horas convocada por estes sindicatos este martes en PSA Peugeot Citroën en Vigo, tivo un seguimento “bastante bo” tendo en conta “eses comunicados da empresa onde intentaba coaccionar para que os traballadores non secundasen a folga”.

Así as cousas, os voceiros da CUT e da CIG, Vítor Mariño e Manuel Domínguez, respectivamente, en declaracións aos medios aseguraron que están “moi satisfeitos” porque na folga -entre as 9,00 e as 11,00 horas para a quenda de mañá- e nunha marcha dentro das instalacións, houbo traballadores de distintos departamentos e de diferentes sindicatos.

“A pesar de ser convocantes a CUT e a CIG, houbo traballadores representando a outros sindicatos, que non están de acordo con que os seus sindicatos non secundasen esta folga pero si están de acordo coas demandas que nós poñemos enriba da mesa respecto ás cargas de traballo e o ‘Plan de Presentismo”, asegurou Mariño, que sinalou que a marcha foi “abundante” e “plural”.

Durante o paro, os folguistas iniciaron unha marcha polo interior das instalacións da empresa, da que non chegaron a saír porque, trasladaron, aínda que solicitaran permiso para saír en manifestación polas rúas de Vigo, “para que coñeza a cidadanía” o que acontece en Citroën, finalmente tiveron “un pequeno problema de xestión coa empresa”.

Así, aseveraron que se lles “pedía fiscalizar cántos traballadores saían e cántos regresaban ao traballo”. “Entendemos que o acceso á fábrica si que debe ser un pouco controlado, pero nunca na historia da fábrica se fiscalizou a saída dos traballadores deste centro”, engadiu Domínguez, que sinalou que por iso se viron “obrigados dentro das normas desta dirección a dar unhas voltas polo ámbito da fábrica”.

“É unha marcha pola dignidade, despois de todo o que se leva padecido aí dentro, tanto abuso, tanta represión”, recalcaron, antes de recordar que “había tempo que os traballadores en Citroën non daban ese paso de romper o veto no centro de traballo, tendo en conta toda esa represión que leva padecido”.

A folga convocada por CIG e CUT ten como fin posicionarse contra as “altas” cargas e ritmos de traballo e facer unha chamada de atención cara ao diálogo cos traballadores. A folga desenvolveuse en quenda de mañá entre as 9,00 e as 11,00 horas; e na quenda desta tarde será entre as 17,00 e as 19,00 horas, e no de noite entre as 2,00 e as 4,00 horas.

DENUNCIAS

Os sindicalistas, que este luns informaron de que denunciarán á dirección da planta por supostas coaccións e ameazas aos traballadores para que “non vaian á folga”, indicaron que tamén decidiron presentar ante a Inspección de Traballo unha demanda por presunta “vulneración do dereito de folga” ao “cubrir -aseguran- os postos de traballo” dos folguistas.

De feito, comentaron que hai algún caso de empregados que van permanecer no posto de traballo durante “13 e 14 horas”, o que consideraron “contraproducente” tanto para a seguridade laboral coma para a calidade, e, neste sentido, remarcaron que “a produción saíu con normalidade” malia o paro de dúas horas da mañá.

En declaracións, Vítor Mariño sinalou que os dous sindicatos presentaron senllas demandas a última hora da mañá na Inspección de Traballo, onde solicitaron que un inspector compareza na tarde deste martes -o paro está previsto nesa quenda entre as 17,00 e as 19,00 horas- para que “certifique que os postos – de folguistas – están cubertos e levante acta”.

5 de maio de 2015 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.