“Croquetas” interprétase en El Halcón Milenario
O próximo 22 de Maio iniciamos en El Halcón Milenario unha nova experiencia que promete emocións e diversión. Trátase da obra de teatro “Croquetas”, escrita e interpretada por Iria Pinheiro, unha das mais cabareteiras actrices que temos en Galicia, cunha extensa e variada carreira en teatro e televisión.
A obra trasládanos á Noiteboa de 1976 na que Elvira, a protagonista, convida a cear a 15 familiares (os asistentes a cada pase) e relátalles e ilustra as súas vivencias durante o seu exilio, por motivos de traballo, en Alemaña. Os invitados acompañarana a través desa viaxe emocional no que as verdades e os segredos de Elvira iranse desvelando no medio dunha atmosfera festiva e familiar, reflexo dun país que espertaba da súa época máis escura.











