Cristina Costa conquista o Auditorio de Ribadumia coa súa causa solidaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+
Concerto de Cristina Costa

Concerto de Cristina Costa

A pequena pianista, Cristina Costa Ling, tocou este fin de semana no Auditorio de Ribadumia para un público partícipe nunha causa solidaria. A recadación total do recital foi destinada á asociación AHUCE ( Asociación Huesos de Cristal de España), unha entidade que intenta mellorar a diario a calidade de vida dos afectados por Osteoxénesis Imperfecta, así como dar visibilidade a esta enfermidade descoñecida para a maioría.

A pequena pianista quixo aportar a súa axuda á asociación e aos que, coma o seu irmán Álvaro padecen esta enfermidade. Durante máis dunha hora tocou pezas de Burgmüller, Diabelli, María Vacca, Haydn e Kaczmarek, algunhas delas acompañada por Álvaro, que se mostrou moi orgulloso da pequena durante toda a actuación.

A pesar da súa corta idade -ten agora sete anos- Cristina non só sorprende pola súa soltura coas teclas, senón que destaca sobre todo pola súa memoria musical. Todas as pezas que preparou para o recital interpretounas sen partituras e non dubidou nun momento do que estaba a tocar.

Esta memoria non lle ven tan só do talento innato, ademais de prepararse en piano, a pequena edúcase tamén musicalmente en atención e memoria no taller Tratalenca. A súa mestra no taller, Esther Sobral, asegura que “a súa rápida evolución e a súas circunstancias persoais motiváronnos para facer a actuación que dende un principio fíxonos moita ilusión”.

O irmán da pequena padece a enfermidade, e aínda que a actitude é o máis importante, os tratamentos tamén son necesarios e, por desgraza, moi caros. Cristina intenta desta forma axudar ó seu irmán e ós que a padecen destinando os fondos á asociación que se dedica todos os días do ano a facerlle a vida máis sinxela.

Este non era o primeiro concerto solidario que daba a pequena, xa actuara con anterioridade en Santiago, pero nunca ante un público tan amplo como o que acudiu ó Auditorio Municipal de Ribadumia.

A pesar diso, a experiencia foi boa.Tal foi a expectación polo don da pequena Cristina e pola causa solidaria, que a recadación aportada polo público de forma solidaria superou os 800 €. O total das doazóns foron destinadas integramente á asociación AHUCE.

Por todo iso, dende o Concello queremos agradecer a todo o público que asistiu ó Auditorio a súa colaboración nesta causa e por contribuír a facer a vida destas persoas máis sinxela.

4 de maio de 2015 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.