Covas Vegetal imparte un obradoiro de plantación para os maiores de AFAL

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Taller de plantación

Taller de plantación

Manuel Cereijo, José Manuel Cereijo e Ángela del Río, todos eles promotores de Covas Vegetal, foron os encargados esta mañá de impartir un taller de plantación para os maiores de AFAL Ferrolterra que participan no Centro de Día Terapéutico da rúa Río Castro no programa “Natura: Estímulos Vivos”, un innovador proxecto de estimulación cognitiva a través do contacto coas plantas que AFAL desenvolve desde finais do pasado ano. Seis maiores en fase inicial e moderada que cada día, desde que plantaron as primeiras sementes, coidan e velan pola evolución das súas plantas e hortalizas. No transcurso da pasada edición de Equiocio, AFAL Ferrolterra entrou en contacto con Covas Vegetal e os seus responsables ofrecéronse a colaborar desinteresadamente no proxecto da asociación.

Esta mañá tiña lugar a primeira acción desa nova relación entre ambas as entidades. Un taller que se reeditará o próximo día 26 no Centro de Día da Rede Pública de Alzheimer, nas instalacións da antiga Casa do Mar. Esta mañá, Covas Vegetal ensinoulles aos maiores a plantar acelgas, espinacas, leitugas e guisantes nas bandexas plásticas. Logo, identificaron as súas bandexas cos nomes e seguiron atentos os consellos sobre os coidados que require cada verdura. Tamén avanzaron unha próxima visita para mostrarlles o proceso para trasplantar.

Covas Vexetal constitúese en agosto de 2013 e, desde entón, cultivan de forma tradicional verduras e legumes, produtos de tempada e especialmente pataca de Covas e grelo de Costa Ártabra. Produtos que comercializan en toda España.

Cabe lembrar que, na actualidade, “Natura: Estímulos Vivos” é un dos programas máis innovadores desenvolvidos por AFAL. Este permite que os maiores que acoden a diario aos centros de día entren en contacto coa terra, as plantas, os aromas que desprenden. A través do mesmo, os usuarios cultivan as súas propias plantas baixo a dirección do equipo de AFAL e realizan un seguimento do seu crecemento e evolución. Mesmo, como apunta Noelia Ríos, supervisora do Centro de Día da Rede Pública e coordinadora do proxecto nestas instalacións, chegáronse a incluír no menú do comedor as hortalizas que previamente plantaran. En moitos casos, para aqueles maiores que viviron nunha contorna rural ou dispuxeron dun horto na súa vivenda, a experiencia non é nova e, precisamente por iso, estimúlase os seus recordos. Os seus obxectivos son ben claros: estimulalos, traballar as reminiscencias, atrasar o avance da enfermidade e reforzar a súa autoestima.

5 de maio de 2015 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.