Coruña Smart City participa en Berlín nun dos encontros máis importante de Europa de cidades intelixentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGalicia exteriorLocal Portada
A-
A+

Coruña Smart City, o proxecto de cidade intelixente para mellorar a eficiencia dos servizos públicos e a calidade de vida dos cidadáns, estará presente mañá nun dos maiores eventos do ano en materia de cidades intelixentes que se celebra en Europa: a Asemblea Xeral da European Innovation Partnership on Smart Cities and Communities (EIP-SCC), un foro de encontro cuxo obxectivo é converter a Europa en referente mundial en calidade de vida á vez que se promove a competitividade da industria europea vinculada ás smart cities. 

No encontro de Berlín daranse cita máis de 400 representantes de empresas, concellos, centros académicos, universidades e outras organizacións de toda Europa que presentaron 370 iniciativas das tecnoloxías e infraestruturas organizativas necesarias para o despregamento das smart cities nunha Europa na que o 70% dos seus habitantes habita en núcleos urbanos. A proposta da Coruña, baseada na posta en marcha dunha gran plataforma tecnolóxica que funciona como un auténtico “cerebro” da cidade capaz de captar millóns de datos, procesalos e cruzalos para aplicalos á mellora dos servizos públicos en todas as áreas, destaca entre as 83 iniciativas presentadas desde España polo seu carácter integral, aberto e sustentable.

A presenza da Coruña na capital alemá súmase a outra presentación internacional do proxecto que se realizará no Global City Teams Challenge de Washington o próximo día 1 de xuño. Coruña Smart City participa por invitación do NIST (National Institute of Standard and Technologies) por valorar a posta en marcha da plataforma tecnolóxica da cidade como un “excelente exemplo” do traballo que debe facerse para afrontar os retos de futuro das urbes. O Global City Teams Challenge é unha rede internacional, organizada en equipos ou clústers, que traballa na procura de solucións innovadoras para mellorar servizos nas cidades ou comunidades Smart. Estas solucións, deseñadas para actuar en áreas de xestión específicas como o tráfico, a calidade do aire, a eficiencia enerxética, a resposta a emerxencias ou a seguridade, ponse logo en común coa meta de adaptalas ao maior número de cidades posible.

O proxecto Coruña Smart City, iniciativa do Concello da Coruña e Emalcsa como solicitante, conseguiu, coa súa nova proposta, unha cofinanciación dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases, a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e posta en marcha da plataforma tecnolóxica, á que se chama o cerebro da cidade, e a execución de 14 proxectos piloto.

Desde a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos como o de Mellor iniciativa dunha administración por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Dintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, consolidando A Coruña como unha cidade referente do noroeste español; ou máis recentemente, Mención de Honra á mellor Compra Pública Innovadora 2014 por parte da Comisión Europea que recoñece os procesos de contratación e compra de servizos e produtos máis innovadores de Europa. A Coruña tamén foi seleccionada, entre máis de 300 candidatas, como unha das 6 finalistas ao premio á mellor cidade intelixente da Smart City Expo World Congress de Barcelona2014.

20 de maio de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.