Coruña Smart City ofrece charlas informativas sobre o proxecto de cidade intelixente en Eirís
O Concello informa de que se abriu o prazo para que os cidadáns que o desexen poidan inscribirse na páxina web de Coruña Smart City para asistir ás charlas informativas sobre o proxecto de cidade intelixente que ofrece a área municipal de Servizos Sociais.
O obxectivo destas sesións é achegar a todos os coruñeses as posibilidades de desenvolvemento da plataforma tecnolóxica, un auténtico cerebro da cidade sobre o que se sustenta a arquitectura do proxecto e familiarizar ao público co uso das aplicacións asociadas ao proxecto Coruña Smart City que xa están a funcionar.As charlas impartiranse na aula CeMit, da Xunta de Galicia, no centro cívico de Eirís, os días 27 (ás 10.00 horas) e o 28 de maio (ás 18.30 horas):
A duración das charlas será de aproximadamente dúas horas e a sesión incluirá información práctica sobre o uso do portal Smart, Administración Electrónica e Open Data, así como unha visión xeral do proxecto Coruña Smart City e a súa capacidade para mellorar a xestión dos servizos públicos e, en definitiva, a calidade de vida dos cidadáns. A inscrición para cada sesión poderá facerse na web de Coruña Smart City (www.smart.coruna.es) a través dun formulario específico.
O 26 de maio tamén se celebrarán dúas charlas, en horario de mañá e tarde, para os alumnos de informática da aula para maiores de Ategal.
O proxecto Coruña Smart City, iniciativa do Concello da Coruña e Emalcsa como solicitante, conseguiu, coa súa nova proposta, unha cofinanciación dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases, a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e posta en marcha da plataforma tecnolóxica, á que se chama o cerebro da cidade, e a execución de 14 proxectos piloto.
Desde a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos, como o de Mellor iniciativa dunha administración por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Dintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; ser elixida 1 das 6 finalistas, de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, consolidando A Coruña como unha cidade referente do noroeste español; ou máis recentemente, Mención de Honra á mellor Compra Pública Innovadora 2014 por parte da Comisión Europea que recoñece os procesos de contratación e compra de servizos e produtos máis innovadores de Europa. A Coruña tamén foi seleccionada, entre máis de 300 candidatas, como 1 das 6 finalistas ao premio á mellor cidade intelixente da Smart City Expo World Congress de Barcelona 2014.











