publicidade hoxe

Cortegada, Vilardevós, Sarreaus e Riós asinan convenios de colaboración para melloras e humanizacións ao abeiro do Plan hUrbe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCortegadaLocal PortadaOurenseRiósSarreausVilardevós
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión cos alcaldes de Cortegada, Sarreaus, Vilardevós e Riós

Ethel Vázquez na reunión cos alcaldes de Cortegada, Sarreaus, Vilardevós e Riós

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e os concellos de Cortegada, Vilardevós, Sarreaus e Riós colaborarán na execución de melloras de distintos espazos e humanizacións nestes municipios, ao abeiro do Plan hUrbe.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e os alcaldes de Cortegada, Avelino de Cortegada; Vilardevós, Manuel Cardoso; Sarreaus, Gumersindo Lamas; e Riós, Francisco Veiga; asinaron convenios de colaboración que permitirá a execución de catro actuacións, que suman un importe de máis de 140.000 euros, que buscan favorecer un maior goce e aproveitamento dos mesmos por parte dos cidadáns.

Vázquez Mourelle salientou que o obxectivo principal do Plan hUrbe é facilitar a humanización das vilas e cidades galegas, dotándoas cos equipamentos precisos para un maior goce e benestar por parte dos seus veciños. 

A actuación no Concello de Sarreaus consistirá na adecuación e urbanización dapraza de Pazos de Codosedo, para o que se prevé a pavimentación en adoquín de granito e pedra morena. As obras rematarán coa colocación de bancos e papeleiras, unha intervención que contará no seu conxunto que contará cun investimento por parte da Xunta de Galicia de preto de 30.000 euros. 

No caso de Vilardevós, levarase a cabo a pavimentación da rúa Eixido. Trátase dunha zona que se caracteriza pola presenza dunha tipoloxía construtiva tradicional, con edificios de planta baixa e primeira, onde predominan os cerramentos con pedra e cubertas inclinadas de tella cerámica curva ou plana. 

As obras, cun importe de 52.000 euros, consistirán na demolición superficial da soleira de formigón e na reposición dos elementos existentes da rede de saneamento e subministro de auga potable, bocas de rego, tapas de alcantarilla, rexistros e sumidoiros existentes, e rematarán coa colocación de pavimento de pedra. 

Medio Ambiente tamén colaborará co Concello de Cortegada na reparación e acondicionamento do xardín público en Baño do Monte, cun importe de 21.000 euros. Esta zona do Concello é un lugar de lecer dos veciños, situado ao carón das piscinas municipais que na actualidade non consta nin coas condicións nin cos equipamentos desexados.

As obras consistirán na limpeza e desbroce das zonas axardinadas e no levantamento do pavimento existente, así como á preparación do terreo para a posterior plantación de vexetación. O remate dos traballos consistirán na reposición da pedra en mal estado e encintando das zonas deterioradas. 

Por último, a Xunta colaborará co Concello de Riós no acondicionamento da Praza en Marcelín, co que se pretende aproveitar o espazo público procedente do derribo de tres edificacións que se atopaban en estado de ruína para dotar este núcleo dunha praza. A actuación rematará coa instalación de luminarias, papeleiras metálicas e bancos. O importe que abonará a Consellería é de 41.000 euros.

O compromiso da Consellería, ademais de subvencionar as actuacións, é contratar, executar e dirixir as obras; mentres que os concellos deberán poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para executar as actuacións, serán os encargados da redacción dos proxectos técnicos e tamén serán os responsables da súa explotación e conservación.

19 de maio de 2015 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.